sábado. 18.09.2021 |
El tiempo
sábado. 18.09.2021
El tiempo

Gopegui: "No había leído en un lugar tan hermoso y no volveré a hacerlo"

Belén Gopegui diríxese aos asistentes á súa lectura no Souto do Ruibal. FESTIVAL DOS EIDOS
Belén Gopegui diríxese aos asistentes á súa lectura no Souto do Ruibal. FESTIVAL DOS EIDOS

A escritora madrileña leu nun souto de Parada do Courel unha reflexión sobre a ficción no marco do Festival dos Eidos

"Nunca había leído en un lugar tan hermoso, y nunca volveré a hacerlo", dicía este sábado Belén Gopegui no Souto da Rubial, un dos eidos de Parada do Courel nos que a Fundación Novoneyra celebrou o festival que leva o nome do libro do poeta. 

Un espazo circular, o da escoita das ducias de persoas que se achegaron a ouvir a unha das novelistas máis destacadas da súa xeración. Un espazo circular, o das redromas, nome que nesta terra se dá ao lugar de cada árbore proxectada no chan. "Las personas arrojan sombra y necesitamos el otro lado", escribiu. O outro lado, aquí: o souto. 

A autora leu o texto Nuestras voces, nuestras ficciones, unha reflexión sobre a ficción, non como mentira, senón como medio de "enfrentar aquellas mentiras que se presentan como si fuesen verdades". "¿Por qué dar ese rodeo?", unha pregunta aquí ben axustada á verdade que na terra fai dobrar os camiños. 

Texto inédito e lúcido, crítico con aqueles que fabrican, a un tempo, as falsedades do mérito individual e a desesperación de todas, pero tamén coa pereza intelectual e a inercia que anulan a posibilidade de pensar outros mundos. 

"Razones del vivir juntas", para iso serven as ficcións, concluíu nese lugar convertido en "república de árbores", como di un verso de Chus Pato (na foto). 

Chus Pato

CURRAL. A poeta de Ourense encabezou o recital da tarde no curral da Casa da Fonte, outro ámbito circular tan presente nos textos de Novoneyra, tan desencadenante da súa palabra. Un lugar que desbordou a poesía de Pato con esa palabra súa tensada até os límites do idioma ou do monte da Pinza que adondaba o ceo. Vangarda coma punta de lanza, linde do dicir, tensión do pensamento, república de voces, unha vez máis nesa casa que foi un faro da historia do século XX en Galicia. "É unha virtude saber elixir os referentes, como para min foron Novoneyra ou Méndez Ferrín", afirmou. 

A lectura tamén contou con Tino de Féliz, nome comunal de Constantino Bértolo. Quen foi tan prestixioso editor de ámbito europeo leu textos de O gran poema, o seu primeiro poemario en galego, escrito tras dunha enfermidade que o levou a reencontrarse coa serra veciña da que é oriúndo, cos Ancares dende Navia de Suarna. Un texto con moitas conexións con Novoneyra e que tamén como a poesía do courelao pide a voz alta, o alento espallado das nebras. 

CATALÁN. Adrià Targa, que participou no festival grazas a unha colaboración do PEN catalá, leu nesa lingua parte da súa poesía: estacións de tren, camiños de volta a casa, limpos coma o aire da tarde, e tamén un inédito en homenaxe a Fran Cortegoso. O poeta, moi vencellado á poesía galega, traduciu ao catalán Celebración, de Gonzalo Hermo. 

Participou tamén no recital Sonia Màrpez, poeta sarriá fincada dende hai anos en Málaga, moi vencellada ao Courel, un dos seus lugares de referencia na nenez. Emocionada por estar na casa de Novoneyra, leu poemas breves do seu libro Sedimento, moitos de case un só verso como aqueles que tanto gustaban ao autor do Courel. 

A aira, a horta, a fonte, foron lugares para a música, para a danza, para a conversa. Para todo o que curva, rodea e se desvía para manter a intensidade da palabra, as loairas do pensamento, a paixón pola verdade do canto dende a aldea "onde o mundo dá a volta", como a viu Novoneyra dende o seu 'Ámeto Mítico'.

Gopegui: "No había leído en un lugar tan hermoso y no volveré a...
Comentarios