García Negro: "Carballo denunciou o galego normativo como dogma"

A profesora Pilar García Negro explicou o martes en Lugo que Ricardo Carballo Calero optou polo reintegracionismo "con ponderación e sen impor dogma", pero "denunciando o dogma do galego normativo como ecuación absoluta do galego escrito"
Pilar García Negro.
photo_camera Pilar García Negro.

García Negro presentou unha edición revisada de Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación, que apareceu hai dez anos e que edita agora Laiovento.

A escolla que fai abrangue "dende 1930, sendo estudante, ata a fin da súa vida, en 1987" e recolle artigos, ensaios, conferencias e discursos nos que o asunto fundamental é a lingua, tanto como materia de coñecemento, como nos ámbitos social e político. Para a editora dos textos é determinante o "rigor" de Carballo Calero, unha característica que ela subliñou incluíndo a palabra ciencia no título.

Recoñece que a xeira de Carballo estivo condicionada pola "falta de modelo" no galego, o que non lle impediu facer "unha correcta ubicación como lingua románica occidental e peninsular, matriz do portugués" e, como consecuencia, facer "unha escolla gráfica" máis achegada ao portugués actual.

Esa elección marcou un atraso na escolla de Carballo Calero como figura das Letras Galegas despois de tres décadas de reivindicación. Pilar García Negro, estudosa e defensora de vello do filólogo de Ferrol, dirixe á Real Academia Galega a pregunta de por que houbo ese adiamento. "Argúese que a sociedade galega non estaba preparada para acoller determinadas mensaxes ou escollas tipográficas", apuntou a editora. A seguir, valorou que "a sociedade na que vivo está tan madura ou inmadura como calquera outra, é unha sociedade normal que está preparada" para comprender e xulgar certas propostas.

Sobre o Día das Letras para Carballo "non tiña maior esperanza nin ilusión, pero benvido sexa", indicou Negro, quen subliñou que defendeu persoa e obra "indepentemente" dos recoñecementos.

A profesora participou directamente nun dos textos. Nunha celebración do centenario de Rosalía de Castro, en 1985, pediuse a Calero que improvisase un discurso. O apelado deu unha mostra do seu dominio da oratoria. Ao remate do acto, García Negro e Xosé María Dobarro plasmaron por escrito a intervención coa súa axuda.

Comentarios