Domingo. 21.04.2019 |
El tiempo
Domingo. 21.04.2019
El tiempo

García Negro: "Manuel María fixo crónica en tempo real"

Manuel María. EP
Manuel María. EP

A escritora editou a recompilación de toda a obra teatral do autor nado en Outeiro de Rei

"O Taberneiro ten a tristura dos que se quedan. O camiñar é o vivir. O estar quedo é o morrer, o non ter soños, o non ter nunca que contar", dá inicio así o Auto do taberneiro de Manuel María. Esta obra de 1957 é a primeira da recompilación da obra teatral feita por Pilar García Negro coa Casa Museo Manuel María.

A última peza é do 2001, "foi unha dedicación continuada, o teatro foi un xénero que cultivou con todo o seu interese e o afán de que fose megafonía da lingua galega", explica García Negro. O escritor de Outeiro de Rei destacou pola súa produción poética. Manuel María. Obra teatral é a constatación da importancia que lle outorgou a este xénero e á premisa de que "unha cultura adulta e moderna debe posuír teatro en condicións", explica Negro.

Era un mozo de 19 anos, frecuentaba o Círculo de las Artes de Lugo, participaba nas tertulias do café Méndez Núñez. Manuel María camiñaba as rúas da cidade con Aquilino Iglesia, Ánxel Fole ou Luis Pimentel. "É o primeiro escritor, dentro dos novos galegos daquela época, que establece unha ponte coa historia inmediatamente anterior", conta.

Salta os anos de "escurantismo" e, con "afecto", recupera o que a Guerra Civil e o exilio romperan. O autor responde a unha "necesidade histórica de dar resposta á negrura ambiental", di.

Das 33 obras que recolle esta edición, 15 son autos. "Manuel María reconverte este formato ao servizo dunha tipoloxía galega", conta Negro. "Hai unha escolla de clase social moi clara" e o taberneiro, o labrego ou a costureira protagonizan os relatos. Construíu unha "épica nova arredor do traballo" que, inesperadamente, se afasta do "costumismo" e "fala dunha marioría social".

Os obreiros e o proletariado tamén teñen cabida nos autos. "É unha preocupación actualizada polos graves conflitos en Ferrol e Vigo nos primeiros 70", explica. A capacidade de contar a historia que lle era contemporánea destaca na súa obra teatral.

FENÓMENOS. Manuel María trata temas controvertidos e analiza os fenómenos sociais e políticos cunha postura crítica. A explicación do proceso de autonomía ou a Otan son contados dende o humor e a parodia. "Hai retratos de figuras ditatoriais e de autonomistas que son absolutamente hilarantes", explica.

Este afán do escritor é resumido por García Negro como "facer crónica en tempo real, estar moi atento aos requerimentos de actualidade histórica e a proclamar que o pobo galego existe e ten unha voz propia".

"É dono dunha técnica teatral completa, coñece ben os recursos do xénero, da iluminotecnia, escenificación, construción de personaxes e utilización de equivocos", conclúe.

A recompilación foi feita a partir da tese doutoral elaborada por Camilo Gómez Torras e dirixida por García Negro. Presentouse no 2000 na Universidade da Coruña e o propio Manuel María estivo presente na súa defensa.

Tres anos despois, o escritor "supervisou a actualización gráfica" dunha da súas obras teatrais, Edipo. "Toda a produción que eu editei adáptase a este esquema que el decidiu en vida, tendo moito coidado de non mermar o sabor e as caracteristicas estilísticas do escritor", explica García Negro.

Era novembro de 1960 cando Manuel María e Saleta escribiron Edipo porque os "divertía e satisfacía" e porque precisaban o premio en metálico. Eran anos difíciles e os ingresos eran ben recibidos, conta o autor na introdución. "Supuxo a aclimatación en galego dun mito universal, emparellando a literatura con outras como a francesa", explica a compiladora.

Na primeira parte da súa obra a poesía mestúrase cos códigos teatrais. "Hai un subliñado sobre a soidade do individuo e a felicidade", tamén sobre "o desaxuste entre o desexo e o que socialmente se pode cumprir". Ademáis de citar poesía, converte o Poema en catro tempos de Blanco Amor en dramaturxia.

Manuel María fixo teatro para o futuro. Sabía que, polo contexto político, non vería as súas obras nos escenarios. "Deixou unha semente e a nosa obriga é darlle vida a través da actualización e, no caso do teatro, da súa representación", conclúe Negro.

García Negro: "Manuel María fixo crónica en tempo real"
Comentarios