Galicia presume de cultura ante o mundo

Valentín Paz Andrade

Os actos do Día das Letras Galegas 2012, que este ano lembran a Valentín Paz Andrade, comezaron xa hai varias semanas, aínda que será hoxe e mañá, o propio 17, cando se multipliquen por Galicia e incluso máis alá das fronteiras da comunidade.

A que é a gran festa da cultura de Galicia dará nesta edición, na que cumpre o medio século de vida, a volta ao planeta. Desde as aldeas máis pequenas de Galicia ata vilas e, sobre todo, as sete cidades –que concentrarán a maioría das actividades programadas–, ninguén quere esquecer a figura histórica de Valentín Paz Andrade e, á súa vez, a importancia das letras, da cultura e do idioma de Galicia.

Lonxe de Galicia, a Universidad Complutense de Madrid ten tres días de actos con Paz Andrade, Díaz Pardo e Celso Emilio Ferreiro, ademais doutras iniciativas da capital de España como o concerto de piano e gaita da Casa de Galicia en Madrid, mañá.

A semana anterior foi o Centro Galego de Barcelona o que acolleu a homenaxe ao escritor e empresario galego, coa presenza do conselleiro Jesús Vázquez.

Ademais das actividades repartidas pola xeografía española, merece especial atención a proxección internacional da presente edición das Letras Galegas.

O Instituto Cervantes de Tokio (Xapón) vai acoller novamente actividades de Galicia como un concerto de gaita de Yuuki Kojima e outro de trío de contrabaixos con música de Luar na Lubre.

Na outra punta do mundo, en Bos Aires (Arxentina), tamén haberá actos co gallo das Letras Galegas, o que se pode facer extensivo aos centros galegos de medio mundo, especialmente os de lugares como Suíza.

En Galicia, o acto central da Xunta será en Vigo, no centro de FP Valentín Paz Andrade. O PSdeG, pola súa banda –que xa celebrou a reunión da súa executiva en Pontevedra como homenaxe–, vai realizar hoxe unha ofrenda floral diante da tumba do homenaxeado en Pontevedra. E por último, o Bloque xa celebrou o seu acto o luns na Alamenda de Santiago, pero apoiará hoxe a marcha a prol do idioma galego que, ás 12.00, partirá do parque compostelán baixo o lema Pola lingua que nos une. Paremos os ataques contra o galego, con manifesto de Agustín F. Paz.

 

 
 

 
0'0 (0 votos)

Comentarios