Galicia e Cuba estrañan a Curros

(Foto: currosenriquez.es)
photo_camera (Foto: currosenriquez.es)

Hai cen anos, morría na Habana o poeta Manuel Curros Enríquez. Chegou alí por mor das dificultades económicas e coas maletas cheas de proxectos para impulsar a cultura galega. Na capital cubana fundou e dirixiu o periódico La Tierra Gallega, e promoveu a creación da Sociedade Protectora da Academia Galega, xunto a José Fontenla Leal, en 1905. Sería a semente da Real Academia Galega, constituída un ano máis tarde.

O autor de Aires da miña terra e O divino sainete converteuse nun dos piares do Rexurdimento e iniciou a poesía de compromiso social cos oprimidos, ao tempo que contribuíu a situar o galego como lingua culta.

Por estes motivos, e algúns outros que sería longo sinalar, a partir de mañá desenvolveranse tanto en Galicia como na Habana distintos actos conmemorativos do centenario do pasamento do escritor.

A Coruña

A Fundación Curros Enríquez organiza para mañá ás 11.30 horas unha ofrenda floral no cemiterio de San Amaro da Coruña, onde repousan os restos mortais do poeta despois de seren trasladados dende A Habana en barco, cuberto o cadaleito coa bandeira galega.

No acto estarán presentes o Concello da Coruña, a Real Academia Galega, a Asociación da Prensa da Coruña, o Colexio Curros Enríquez da cidade da Coruña, veciños, membros da Fundación Curros, do Concello de Celanova, e dos colexios Curros Enríquez e Sagrado Corazón do concello ourensán.

O grupo de gaitas 'O gaiteiro de Penalta' porá a nota musical á xornada coa interpretación de pezas relacionadas cos poemas de Curros Enríquez. Tamén está prevista a intervención do presidente do Pen Club de Galicia, Luís González Tosar, que recitará poemas de Curros na Real Academia Galega, acompañado polo violinista Kamo Petrosyan.

Ese mesmo día, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, recibirá á delegación celanovesa na sede da rúa Tabernas, onde o presidente da Fundación Curros Enríquez, Antonio Mouriño, fará público o nome do gañador do premio 'Celanova, Casa dos Poetas'. Xa pola tarde, desenvolverase unha ofrenda floral diante do monumento ao poeta instalado nos Xardíns de Méndez Núñez na cidade herculina.

Celanova e A Habana
Para o día seguinte, a Secretaría Xeral de Comunicación ten prevista unha homenaxe ao Curros xornalista. Será o sábado no Mosteiro de Celanova e participarán Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Marcos Valcárcel, Rosa Aneiros e Xosé López. Porá o broche o cantautor Luis emilio Batallán, que interpretará algúns dos poemas máis coñecidos do autor homenaxeado.

Durante estes días, a capital cubana non se esquece do poeta galego. Así, dende onte e ata o venres, o Salón do CEPES da Habana acolle unhas xornadas que abordan a relación de Curros con ambos países, os movementos migratorios dos galegos a Cuba, o vencello de Curros cos escritores cubanos e coa masonería, o seu labor na prensa galego-cubana, e outras olladas sobre o autor de A Virxe de Cristal.

Comentarios