Galicia chora ao cura Xesús Mato, "un home que se fixo rico servindo aos demais"

O bispo de Lugo oficiou na igrexa de San Nicolás de Portomarín o funeral polo sacerdote. O mundo da cultura, amigos e familiares despediron a un crego "irrepetible" e "pai para todos"

Cando era cativo a Xesús Mato Mato (Paradela, 1932) encantáballe ir a Portomarín para visitar a seu avó. Os dous pasaban moito tempo xuntos e acostumaban asistir á misa no mesmo templo que este mércores se quedou pequeno para despedir a un crego moi querido que, en palabras de amigos e familiares, "foi sempre un pai para todos".

A igrexa de San Nicolás foi así o lugar elixido para darlle o último adeus a un párroco "irrepetible" que dedicou a súa vida en corpo e alma a servir aos demais e que desenvolveu un amplo labor de recompilación da música tradicional galega como alma mater de Fuxan os Ventos, fundador da polifónica de Lalín e director do Orfeón Lucense. Precisamente esta última entidade interpretou varias pezas este mércores nunha misa na que a música foi a protagonista para recordar a un sacerdote cuxo cadaleito entrou na basílica ao son da Marcha do Antigo Reino de Galicia grazas aos sons en directo da gaita de Xosé Luís Foxo.

E é que a melodía elixida non foi casual, pois ao longo da súa vida o relixioso paradelense levou a lingua galega por bandeira tal e como recordou o seu bo amigo Xulio Xiz: "Mato foi o creador das misas en galego en Radio Popular de Lugo, algo inaudito para a época. Foi un crego feliz, soñador e conquistador de imposibles posibles que nos fixo ser máis galegos e, sobre todo, máis humanos".

Entregado a Deus desde moi novo, o oficio relixioso na honra a Mato contou en Portomarín coa presenza dunha trintena de sacerdotes chegados de varios puntos de Galicia e foi solemnizada polo bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco. "Hoxe nesta igrexa resoa o agarimo e está presente a luz do afecto por un home bo que transmitiu a súa humanidade", destacou monseñor Carrasco Rouco ante amigos, familiares e personalidades do mundo da música e da cultura galegas.

No medio dun silencio sepulcral podíase intuír a tristura dos presentes que indicaban unha e outra vez que se ía unha persoa "irrepetible".

"A música galega está de loito. A de onte, a de hoxe e a de mañá. E xunto a ela eu camiñarei pola vida con máis soidade. É unha gran perda", dicía Xosé Luís Rivas 'Mini' dun crego amante da música e comprometido cos que máis o necesitan. Tanto que lle chamaban "a sotana voadora" pola súa capacidade de estar en múltiples sitios, sempre axudando ao próximo. Precisamente para iso fundou Auxilia Lugo e, este mércores, Marisol Bravos, excoodinadora da entidade social, foi a encargada de ler unha das homilías na misa.

Xesús foi asesor relixioso, amigo, mestre, compañeiro e un home entregado aos demais que "facía o ben a mans cheas". Pero no seo da súa familia tamén foi o "tío cura que tiña os superpoderes de estar aí, de non xulgar e de compartir con ledicia sen agardar nada a cambio", tal e como recordaron dous dos seus sobriños ao rematar a eucaristía.

Como broche final á despedida, as ducias de persoas presentes en San Nicolás entoaron ao unísono e ante o féretro de Mato un sentido himno galego para dicir o último adeus a "un home feliz que se fixo rico servindo aos demais".

Comentarios