Martes. 20.11.2018 |
El tiempo
Martes. 20.11.2018
El tiempo

Miguel Silva: "O galego é unha lingua para dicir de todo, non é unha lingua de museo"

Miguel Silva. EP
Miguel Silva. EP

Este rianxeiro de 23 anos alza a voz nas redes a prol da lingua galega e da cultura trash. Baixo o nome de aquel-e, versionou a ‘havana’ de Camila Cabello coas letras de Rosalía

Como xurdiu a idea de crear unha canle de YouTube?
Eu fixen o traballo de fin de grao sobre Castelao e Manuel Antonio, así que contaba algunhas anécdotas destes autores cando saiamos por Compostela. Riamos co conto de ser youtuber e, como coincidiu que rematei a carreira e estaba na casa sen facer nada, decidín facelo dunha semana para outra.

Nas redes defende activamente a lingua galega e introduces, ademais, o tema da cultura trash. Como definirías ese concepto?
Para min a defensa da lingua sempre foi necesaria. Iso si, o ambiente do que me rodeei levoume a falar da cultura pop e trash, e deixar algo atrás a cultura literaria máis hexemónica. A cultura trash é unha subcultura dentro da cultura pop, algo moi millennial e co que botas unhas risas. É tamén unha cultura de fácil accesibilidade, algo do que estamos moi faltos na sociedade galega. Non é que agora pida literatura lixo nin telelixo, pero, oes, tamén iso é necesario. Hai que cubrir todos os ámbitos para normalizar.

A morte de Ernesto Chao leva canda si un dos personaxes máis míticos da cultura trash: Miro Pereira. Fan falla novos contidos na TVG que enganchen ao público igual có facía Pratos combinados?
Sen dúbida hai que volver facerse coa TVG para potenciar a nosa cultura e a nosa lingua. Hai que actualizar o contido televisivo, deixarse de tanto ruralismo e enxebrismo. Iso non é o único que nos identifica. Se se insiste nesa imaxe e non se mostra a sociedade moderna e urbana, non se engancha a rapazada. A miña xeración ten arraigada aquela televisión que vía con Miro Pereira, con Gatocán, Doraemon, Mareas vivas... , pero hai moita xente que xa non vai ter iso.

Participou no concurso [email protected] s e mesmo gañou un premio. YouTube é unha boa plataforma para falar desoutras cousas de noso que non saen nos medios?
Si, é chave. É importante que nós deamos un paso adiante e fabriquemos iso que non hai, dende as nosas casas e cos nosos recursos. Proxectos como [email protected] potencian que a xente fale galego nas redes, porque ás veces hai que recordar que se poden facer produtos na nosa lingua para a Internet. A xente volve coller complexos e cada vez está máis estendida a escusa de escribir en castelán para que te entienda todo el mundo. Temos recursos para traducir textos a un clic, así que non hai que ter medo a iso.

Defende que unha lingua non ten que ser bonita, senón que ten que ser útil. Ve demasiado postureo nas redes arredor deste tema?
O postureo xa é pasado, xa o superamos: se ti queres facer algo, faino, pero fundaméntao. Moléstame que as empresas traballen sempre en castelán e logo o 17 de maio fagan un calendario coas doce palabras máis bonitas do galego. O galego é unha lingua para dicir de todo, non é unha lingua para poñer nun museo coma se estivésemos todos mortos. As linguas son parte do noso patrimonio. Como se puxo a xente coa pintada na catedral? Por que non nos poñemos así cando recurtan na defensa do galego ou cando se creou o decretazo da lingua? Á pedra da catedral pásanlle o láser e queda limpa, pero con isto non hai láser que valla.

Algo moi seu é a mestura que fai de clásicos con cousas máis actuais: Rosalía de Castro e Camila Cabello, Castelao e os memes... Que supón iso?
Esa mestura é unha forma de crear un contido de humor e de demostrar que non estamos tan separados das xeracións pasadas. Versionei Havana de Camila Cabello coas letras de Rosalía porque esa canción xa falaba da emigración. É unha maneira de relacionar o pasado co presente, ademais de poñer en valor a nosa cultura pop e millennial.

De feito, esa versión de Havana chegou ao Luar, onde a cantou vostede con Tania Fuegho. Como viviu a experiencia?
Cando vin que os vídeos ían tendo boa resposta, pensaba no moito que me gustaría facer algo na tele: monólogos, música... Nunca se me ocorreu que fose no Luar; máis ben pensaba no Bamboleo, Vaia troula... Pero Luar renóvase: Luar levou un youtuber mentres que en Land Rober seguen insistindo nos chistes sobre os marcos.

Que autor galego actual pode tornar un clásico co paso do tempo?
Fai falta ver as cousas con perspectiva, pero paréceme que María Reimóndez vai ser un dos grandes nomes da nosa literatura. Tamén Teresa Moure ou Antía Yáñez, que está medrando moito.

Presentouse aos cásting de OT 2018. Se chegase a entrar, que música lle gustaría cantar? Imaxina arrancarse cunha de Ana Kiro?
Iso sería o mellor!  Galicia terra meiga en OT, sería guai. Miriam xa abriu camiño cantando Tempestades de sal, de Sés. Presenteime porque eu son músico e fun por se soaba a frauta. Ademais,pronto haberá un cambio na canle relacionado coa música.
 

Miguel Silva: "O galego é unha lingua para dicir de todo, non é...
Comentarios