Galaxia publicará dous libros inéditos de Xosé Neira Vilas

Ambos os textos aparecerán dentro da colección Biblioteca de Autor na que a editorial reuniu a obra do escritor

Xosé Neira Vilas. MIGUEL VÁZQUEZ
photo_camera Xosé Neira Vilas. MIGUEL VÁZQUEZ

Editorial Galaxia publicará, durante este ano e o próximo, dous libros inéditos de Xosé Neira Vilas, anunciou este xoves nun comunicado. Precisa que ambos os textos aparecerán dentro da colección Biblioteca de Autor que Galaxia dedicou a reunir a obra do escritor de Memorias dun neno labrego.

En abril de 2018 publicará De Gres a Cádiz, un libro composto por un "ramallete de recordos, de prosas condensadas que comecei a escribir, a modiño, en xaneiro de 1996", tal como afirma o autor no prólogo que deixou preparado para esta edición.

En De Gres a Cádiz narra as vivencias do autor no período comprendido entre a súa estancia na parroquia de Gres, onde naceu, e a chegada a Cádiz, cidade onde se embarcou aos 20 anos cara a América disposto a encarar "unha nova etapa vital".

A edición deste novo volume correrá a cargo de Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e experta na obra de Neiras Vilas, quen seguiu de preto a xestación deste proxecto xunto ao seu autor.

O ano próximo a editorial prevé publicar outro libro inédito de Neira Vilas, de corte máis intimista. Ambos os libros foron atopados durante o labor de catalogación da obra do escritor na Fundación que leva o seu nome.

Comentarios