O gaiteiro que non quixo ser cabezudo

Disque non era mal protésico dental, que axustaba as pezas con
precisión, que non mancaban no padal. Ricardo gañaba a vida niso, pero gustáballe a gaita. Acabou sendo dos mellores; O Consello da Cultura lanza unha publicación sobre a súa figura.
2020072514314497824
photo_camera Ricardo Portela. EP

Ricardo portela (Viascón, Cotobade, 1920-1992) escoitou a Xoán Tilve de Campañó sendo neno. Daquela entendeu a importancia do instrumento e de quen o tocaba, do gaiteiro como argumento fundamental da festa.

A medida que avanzaba a posguerra, ese instrumentista acabou sendo acantoado nos escenarios polas orquestras. Non podía competir no espectáculo visual nin sonoro coa cantidade de músicos e cos equipos. Portela nunca aceptou a rebaixa.

Estaba contratado para unhas patronais. Ao chegar atopou un cartel anunciador chantado nunha árbore. Leu que as atraccións secundarias eran 'Xigantes, cabezudos e gaiteiro'. Marchou sen dar explicacións. Dende aquela advertía a todos os rameiros que o contrataban de que o seu nome debía figurar a un tamaño igual ao da orquestra.

A música soaba con frecuencia na infancia de Ricardo en Viascón, en Cotobade, onde naceu hai 100 anos. O pai tocaba a gaita e o acordeón, e iniciou aos fillos na guitarra e na mandolina, explicoulles como se bate nun instrumento de percusión e aprendeulles a elaborar frautas con canas.

Aos 12 anos de Ricardo, a familia marcha para Vigo. Dous anos máis tarde, en 1934, o rapaz recibe unha gaita de agasallo paterno. Forma un trío cos irmáns, Airiños do Canón de Buxo.

Non deixarían de volver a Viascón nas vacacións. Ricardo era o maior, un neno serio e responsable. Nas festas despistábase dos pais, pero estes sabían que o atoparían onde os gaiteiros, escoitándoos. Cando tiña 15 anos atreveuse a subir ao palco tras unha actuación de Avelino Cachafeiro. Lonxe de deixarse impresionar pola aura do Gaiteiro de Soutelo, presentouse:

-Don Avelino, non me vou axeonllar diante de vostede porque xa veño axeonllado dende Viascón.

Cachafeiro convidouno a tocar. Interpretou a 'Muiñeira de Chantada' coa aprobación do mestre.

Un día de 1942 roubáronlle a gaita e botou 13 anos sen tocar por non danar a dignidade do oficio

Ricardo estuda Artes e Oficios ata 1939, cando se suceden os desastres. Ese ano ten que coller as armas, pero non deixa a gaita. Lévaa canda si un periplo polos cuarteis que dura seis anos. "O Exército rouboume a mocidade", quéixase. Pero a xuventude non foi o único botín. Un día de 1942, vestindo uniforme en Mataró, busca un lecer para ensaiar. A gaita non aparece. Busca e busca. A gaita nunca aparecería.

O gaiteiro sabe que a súa carreira rematara, que nunca atoparía unha gaita que soase igual. Licenciase como militar e empeza a traballar de protésico dental. Fóra do traballo, vénceo a frustración. Os amigos búscanlle unha gaita que o satisfaga, pero non aparece; se non atopa un instrumento que lle permita conservar a dignidade gañada tras negarse a tocar porque o equiparasen cos xigantes e cabezudos, prefire non tocar.

A situación profesional empeora. A miseria non dá para moitas próteses. Asume que debe emigrar. En 1955 prepara a travesía a Venezuela. Antes de embarcar volven recomendarlle un luthier, Paulino Pérez, discípulo de Faustino Santalices que traballa na Escola de Instrumentos de Lugo. Pouco perde con intentalo. Pensa que a gaita, aínda que non lle serva, pode aliviarlle a soedade.

No trasatlántico vai probando o xamón dos emigrados -que o comían para que non llelo requisasen en porto- e as dúas gaitas que comprou a Paulino. Despois de 13 anos recupera as ganas.

O seu éxito como músico entre a comunidade galega faise sonado en todo o país. Ofrécenlle facer xiras. O clima de Caracas élle desagradable. A humidade caribeña tampouco senta ben ao instrumento. Volve en 1959.

Portela pasa dúas décadas tocando. Un amigo fálalle no 79 do que acabaría chamando 'o Stradivarius da gaita', Xosé Seivane.

-Ricardo, hai un fulano en Ribeira de Piquín que che vai facer a gaita que ti queiras.

-Si, oh! Outro máis?

Viaxa ata Ribeira de Piquín en 1979 e volta a 1942 porque atopa unha gaita que parece xemelga da que lle roubaran. Seivane e Portela desenvolven un punteiro pechado. Dende aquela Portela toca unicamente con instrumentos do lucense.

O resto do tempo dedicouno a actuar, fundar a Asociación de Gaiteiros Galegos e ensinar aos novos. Días antes de morrer pide ao discípulo Carlos Núñez que transcriba a súa música a partituras. Ricardo Portela non é compositor, pero ten un xeito brillante e único de interpretar. "O seu repertorio nutríase maiormente de pezas tradicionais sobre as que se recreaba imprimíndolles tanto carácter que as facía súas", comenta Núñez.

Con 16 anos Carlos marcha a Francia para mellorar a formación e aprender a técnica de escrita que lle enconmendara o mestre. Ese material forma 'De gaiteiro a gaiteiro', que está dende domingo na web do Consello da Cultura. Foi a vitoria do gaiteiro de Viascón, que acabou sendo xigante.

Comentarios