Gadis reparte dous millóns de bolsas coa imaxe de Carlos Casares con motivo das Letras Galegas

A compañía obsequia aos seus clientes cun libro da lucense Villar Janeiro para que a literatura "entre en todos os fogares"
De dereita a esquerda, Hakan Casares, José Luis Fernández Astray e a escritora Helena Villar Janeiro
photo_camera De dereita a esquerda, Hakan Casares, José Luis Fernández Astray e a escritora Helena Villar Janeiro

O director de Comunicación de Gadisa, José Luís Fernández Astray, presentou este mércores as iniciativas que, como é tradicional, a compañía porá en marcha con motivo do Día das Letras Galegas, e que inclúen a repartición de dous millóns de bolsas coa imaxe e un texto de Carlos Casares, co obxectivo de que a súa literatura "entre en todas as casas".

No acto de presentación, que tivo lugar en Santiago, Fernández Astray estivo acompañado polo fillo do homenaxeado este ano nas Letras Galegas, Hakan Casares, así como pola escritora Helena Villar Janeiro, autora do libro infantil que repartirá Gadis entre os seus clientes o próximo 16 de maio.

O director de Comunicación de Gadis explicou que este ano a compañía volve facer aos nenos os protagonistas desta data, con mostras de apoio cara á literatura infantil.  Para iso, editou 30.000 exemplares da obra Contos do sol e da lúa, un recompilatorio de historias infantís de Helena Villar Janeiro ilustradas pola pintora Ana Costas e que os clientes que fagan calquera tipo de compra en Gadis o 16 de maio recibirán de forma gratuíta, ata finalizar existencias. Ademais, tamén recibirán un marcapáxinas coa imaxe de Carlos Casares e un fragmento da súa obra A galiña azul.

O fillo de Carlos Casares, Hakan Casares, destacou a importancia da iniciativa para que as Letras Galegas "cheguen á xente que non ten relación coa literatura e mesmo que non ten relación coa lingua galega"

Fernández Astray lembrou que, coa tradición de regalar un libro editado en galego con motivo desta celebración, Gadis entregou aos seus clientes 300.000 libros en galego durante os 15 anos que leva promovendo estas iniciativas.

Finalmente, Gadis volverá utilizar de novo as súas bolsas como "vehículo cultural" coa edición de dous millóns de exemplares coa imaxe de Carlos Casares e un fragmento da colección de ensaios Un país de palabras.

A LITERATURA EN TODOS OS FOGARES. O fillo de Carlos Casares aproveitou o acto para agradecer a iniciativa e destacou a importancia de que as Letras Galegas, a través dun elemento cotián como as bolsas da compra, "chegue á xente que non ten relación coa literatura e mesmo que non ten relación coa lingua galega", co obxectivo de que "a literatura entre en todos os fogares".

Hakan Casares destacou que unha acción deste tipo agradaría ao seu pai, que "buscou" durante a súa carreira o "converterse nun autor popular". "Pero non para engrandecer o seu ego, se non porque cría que a literatura é o mellor modo para difundir a lingua galega", destacou.

Do mesmo xeito, congratulouse do crecemento en importancia da celebración das Letras Galegas nos últimos anos, lembrando que, durante a súa infancia, os actos nos que participaba cos seus pais eran "case reunións familiares". "Hoxe é algo extraordinario", concluíu.

Finalmente, Helena Villar Janeiro asegurou que o libro que editará Gadisa é "unha homenaxe a Casares", xa que el foi "unha das persoas máis entregadas á literatura infantil cando ninguén se dedicaba a ela".

Comentarios