Fuxan os Ventos publica 'Eu en ti', un tema tributo a Moncho Díaz

A canción para recordar ao músico falecido o pasado día 17 é un poema de Celso Emilio Ferreiro musicado por Xoán Luís Fuertes
Portada do tema inédito 'Eu en ti'. FUXAN OS VENTOS-Portada
photo_camera Portada do tema inédito 'Eu en ti'. FUXAN OS VENTOS

Fuxan os Ventos publicou esta semana un tema inédito co que pretende homenaxear a memoria de Moncho Díaz, un dos integrantes da formación falecido aos 69 anos o pasado 17 de febreiro.

Baixo o título Eu en ti nace esta canción que é un poema de Celso Emilio Ferreiro musicado por Xoán Luís Fuertes Saavedra. O grupo segue así un dos seus sinais de identidade: integrar nas letras das súas cancións poemas da literatura galega.

Na parte instrumental contaron coas colaboracións de Guillerme Fernández na guitarra, Simón García no contrabaixo, Roi Adrio na percusión e o cuarteto Saiva Nova (Fernando do Campo, concertino; Iván Novo, violín; Sergio Sieiro, viola; e Rosalía Vázquez, violonchelo). A canción, publicada por Altafonte, foi mesturada e masterizada por Arturo Vaquero e o deseño da capa é de Manuel Lucas.

"Desolados pola morte de Moncho, Fuxan os Ventos tentará seguir, a pesar da súa insubstituible ausencia, co proxecto de levar por toda Galiza a exposición Fuxan os Ventos. 50 anos de historia", apuntaron desde a banda nun comunicado.

O pasado 22 de outubro, cando se cumpría medio século do nacemento da formación, Moncho Díaz, que formou parte do grupo desde 1980, actuaba cos seus compañeiros na inauguración da mostra Fuxan os Ventos, 50 anos de historia no Vello Cárcere de Lugo. Colaborou ademais na elaboración e estrea da nova páxina web do grupo, asistiu ao acceso da discografía completa da formación en todas as plataformas dixitais e participou, como solista, na gravación deste tema inédito.

Natural de Vilanova, en Monforte, Díaz era parella doutra voz e fundadora do conxunto, Tereixa Novo (As Nogais, 1956).

Comentarios