"Fuxan Os Ventos leva 50 anos de confianza e compromiso coa terra"

▶ A comisaria da mostra sobre o histórico grupo de Lugo, Sabela Fraga, destacou a súa influencia, na presentación dun catálogo

Fraga, á dereita; con Senlle, Álvarez, Ferreiro e Vázquez. SEBAS SENANDE
photo_camera Fraga, á dereita; con Senlle, Álvarez, Ferreiro e Vázquez. SEBAS SENANDE

A comisaria da mostra Fuxan Os Ventos. 50 anos de Historia Sabela Fraga, destacou que o grupo de Lugo leva "medio século de confianza e compromiso coa lingua e a terra", polo que ten unha traxectoria que os integra nun lugar notable do imaxinario galego. Participou o xoves na presentación do catálogo que explica a exposición, que cadra co seu remate, prevista para o luns tras más de tres meses aberta no Vello Cárcere de Lugo.

A músico Uxía Senlle confirmou ese "alento" que deu a banda para que en Galicia se soubese que "ademáis de lobos hai amenceres". "Sementando sempre clarexaban o camiño incerto", engadiu. Para esta artista, "a esencia de Galicia atopámola en Fuxan Os Ventos".

Fuxan os Ventos naceu no ano 1972 a partir da unión dun grupo de rapaces que cantaban no coro do Colexio Menor de Lugo. O seu primeiro nome, Folk72, foi cambiado despois de gañar o primeiro premio no III Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan os ventos.

Uxía Senlle resaltou a orixinalidade de que non se inlcinases pola "intelectualidade" daquela, senón de que fosen "ao cerne do popular" de xeito que lograron "conformar a banda sonora de varias xeracións". A maiores de recoller música tradicional, compuxeron moitas "cancións novas", que rexistraron en "discos e casetes", ata sumar dez álbums entre 1976 e 2009.

No plano musical, aplaudiu as "voces empastadas, que recitan ás veces", no que destacou ás integrantes de Fuxan Os Ventos, e "os arranxos limpos e delicados".

Un segungo mérito é que deron a coñecer poetas galegos nos seus temas a moita xente. Foi o caso de Cabanillas ou Rosalía. Mesmo colaboraron con eles, como Darío Xohán Cabana e Marica Campo.

Carmen Vázquez falou en nome de Fuxan Os Ventos destacando a axuda da vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. Recordou que esta lle comentara que Fuxan eran "50 anos da nosa cultura".

Comentarios