Fuxan os Ventos, as estrelas de honra dos Martín Códax na noite de Grande Amore

O mariñán foi elixido mellor artista do ano na categoría de electrónica mentres a agrupación sarriá Airiños da Febra triunfou en folk. A gala celebrouse no Pazo de Cultura de Pontevedra
Fuxan os Ventos recollen o seu premio en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Fuxan os Ventos recollen o seu premio en Pontevedra. RAFA FARIÑA

Procesionando a figura dos premios Martín Códax comezou este mércores a novena edición da gala de entrega destes galardóns, que outorga cada ano a asociación Músicas ao Vivo, no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Mekanika Rolling Band encargouse de que o evento, que este ano presentou Carmen Conde (de Tarabela Creativa), tamén directora artística da proposta, comezase cun subidón de música e festa. Á fin e ao cabo, despois da procesión sempre vén a sesión vermú na festa galega. Así se dixo.

O burelés Grande Amore recolle o seu premio. RAFA FARIÑA
O burelés Grande Amore recolle o seu premio. RAFA FARIÑA

Mellor grupo de música tradicional foron os sarriaos Airiños da Freba (que deixaron unha mensaxe, ao atoparse actuando no San Froilán, dedicándolle o premio á xente maior). Mentres o mariñán Grande Amore levou outro premio para Lugo na categoría de mellor artista de música electrónica. A redondelá afincada en Vilaboa Sheila Patricia gañou na categoría de Músicas do Mundo. "Que viva a música galega!", berrou acompañada dos seus colaboradores habituais, entre eles, Gabi Reboredo, músico afincado na Lama. Sheila Patricia, máis tarde, recollería o testemuño á fronte de Músicas ao Vivo.

Na categoría de mellor banda, gañou a Banda Unión Musical de Meaño, que lle dedicaron o premio a Eva Mejuto, "inspiradora cos seus textos". Na categoría folk gañaron Os D’Abaixo, na de jazz, Xosé Miguélez e na de rock, Familia Caamagno.

Para Pontevedra foi tamén o de Grima, a banda de Laura García e Facundo Pardo, que foi considerado mellor grupo de metal. "A seguir valorando el arte, que es lo que nos hace libres", dixo Pardo.

Nastasia Zürcher fíxose con dous recoñecementos; o do apartado de blues, funk e soul, e o de mellor artista do ano, un dos dous novos galardóns da noite. O outro, a artista emerxente, recibiuno Antía Muíño.

Sofía Espiñeira gañou en canción de autor e Mamá Cabra na de grupo infantil. Rebeliom do Inframundo fíxose co premio de músicas urbanas; América de Vigo, co de orquestra; Néboa, co de pop, e Samudra Trío co de Música Clásica Contemporánea.

A gala rematou coa entrega do premio de honra, que este ano recaeu en Fuxan os Ventos.
 

Comentarios