"Fun reducida ao meu corpo moitas veces"

Yolanda Castaño é pura poesía. Polo que escribe e polo que conta. Polo seu talante amable e polo exemplo de esforzo, que tamén a fai destacar como tradutora, editora e xestora cultural. No difícil mundo das letras, ela xa tocou o ceo hai uns meses ao gañar o Premio Nacional de Poesía.
G
photo_camera Yolanda Castaño naceu en Santiago. AEP

Cando era nena, que fantaseaba que ía ser cando medrara?
Poeta, aínda que non imaxinaba que podería vivir diso.

Lembra a súa primeira poesía?
Si, todo xurdiu por uns deberes da escola: tiñamos que escribir un poema sobre a primavera. Eu tiña sete anos e, se a maioría das veces non me gustaban moito os deberes, nesa ocasión prestáronme tanto que en vez de facer un fixen dous.

Acadar o Premio Nacional de Poesía por un poemario editado en galego é... 
Dende Rafael Alberti ata servidora –que fai o número cen nesa longa lista de premiados–, que sexamos só catro poetas en galego convérteo nun feito histórico. Mais quero pensar que vai ser como comer e rañar. Virán moitas máis!

Os adxectivos que a definen...
Destemida e contumaz.

O mellor para empezar ben o día?
Un almorzazo pouco recatado.

Que tres persoeiros galegos vivos citaría como referentes? 
Chus Pato, Mercedes Peón e Ángel Carracedo. A cada hora diríache tres distintos igual de bos. Neste intre, por exemplo eses.

Fóra de Galicia, hai algún lugar no que se sinta como na casa?
Hai uns cantos! En case toda Latinoamérica, ou en case calquera recanto da antiga Iugoslavia.

Cal é o seu plan perfecto para desconectar?
Unha excursión, viaxe ou escapada coa persoa que quero. Non mirar o móbil nin o correo electrónico; comer rico, tocar rico e contemplar rico.

Diría que é máis de festival ou de verbena?
De festival... de poesía!

Prefire un bo viño ou unha cervexa fresquiña?
Ningún dos dous. Bebidas sen alcohol con cores de fantasía.

Na mesa, pérdea un bo… 
Carpaccio, tartar, sashimi... produtos case crus ou marinados.

Cando lle toca cociñar, cal é a súa especialidade?
Son moi ruín cociñando e carezo de intuición para iso, pero sei ler (receitas) con dedicada atención.

Se puidera viaxar no tempo un único día, onde e cando aparecería?
En outubro de 2078, para ver como quedaba o do cambio climático e pedirvos a todos de volta que por favor o tomemos en serio.

Que serie logrou enganchala máis?
Son unha rara avis do meu tempo: non vexo series. Traballo de máis.

Recoméndanos un libro para ler nestas tardes de inverno?
Chairas sucesións, da poeta Oriana Méndez.

Cales son eses defectos alleos que soporta peor?
O clasismo, a manipulación, a chantaxe emocional... Desgrazadamente, hai uns cantos.

Xa sabe a quen vai votar o 18 de febreiro?
Si. Non sei que tal síntoma sería non telo claro... 

Tocoulle vivir algunha situación incómoda por ser muller?
Bastantes, moitas delas relacionadas cun trato paternalista ou co descrédito ou frivolización do meu traballo. Outras, con ser reducida ao meu corpo.

Cuestionaron moitas veces o seu intelecto por ser unha muller atractiva?
Moitas! E o mellor de todo é que teño unha grande e ben conservada hemeroteca ao respecto: moitos que están arredor noso han suar frío o día que a saque. Que hoxe renxan e escandalicen é en realidade unha moi boa nova: chámase esperanza todo o que un día te manca e que, no futuro, si, pode cambiar.

Que pregunta non lle fixen e lle gustaría responder?
Eu este ano estou tan satisfeita e pido tan pouco para min, que nin máis preguntas preciso! Agradezo as que houbo.

Comentarios