Freixanes, novo presidente da Real Academia Galega

A candidatura do escritor e xornalista pontevedrés contou con 18 votos a favor, un en contra e nove ausencias do sector crítico ao que pretende "unir"
Víctor Freixanes, presidente da RAG
photo_camera Víctor Freixanes, presidente da RAG

O pleno da Real Academia Galega designou este martes a Víctor Fernández Freixanes como presidente da institución para os próximos catro anos. Con dezaoito votos a favor e un único sufraxio en contra, ademais de nove ausencias, o xornalista, escritor e editor pontevedrés será o décimo quinto presidente da entidade centenaria.

Completan o seu equipo Henrique Monteagudo, como secretario; Andrés Torres Queiruga, como vicesecretario; Marilar Aleixandre, como tesoureira; e Fina Casalderrey como arquiveira-bibliotecaria. O equipo saínte estaba formado polo presidente, Xesús Alonso Montero, acompañado por Monteagudo, que tamén era secretario; Torres Queiruga, que repite como vicesecretario; Rosario Álvarez, como tesoureira; e Margarita Ledo Andión, como arquiveira-bibliotecaria.

Trátase, segundo Fernández Freixanes, dunha "candidatura continuista" tras "catro anos de intenso traballo" que dan pé a outro período en que a Comisión Executiva seguirá "sen cobrar un duro" e pondo o seu "corazón e talento". Durante meses estivo "intentando unir as vimbias para facer o cesto o máis sólido posible" e cre que o conseguiu e materializou este martes coa candidatura electa.

O primeiro que afrontará é o Día das Letras Galegas, dedicado o próximo 17 de maio a Carlos Casares, e despois centrarase en "organizar todas as estratexias de comunicación" para "visibilizar cada vez máis a estima social da lingua e os traballos da institución". Outro compromiso é a publicación da normativa da gramática do galego e non esquece as cuestións orzamentarias dunha institución privada con relevancia pública.

O novo presidente agradece o apoio dos académicos presentes e recoñece que lle gustaría ter contado coa presenza daqueles que están en desacordo co seu proxecto e que non acudiron ao pleno extraordinario.

Coa súa candidatura propón "seguir avanzando na consolidación do modelo de traballo que se desenvolveu durante estes catro anos" con "transparencia interna" para facer camiño xuntos" e non divididos. Á marxe do capítulo interno, pretende dar peso á "proxección social da Academia" como "servizo á cidadanía" para dar peso e fomentar a normalización lingüística.

Non desexa só unidade dentro da Academia, senón que a espera en todos os organismos que comparten obxectivo, para o que fai falta organización e estratexia común mentres xogan "ao ataque" para "convencer".

Pretende conseguir "vías de diálogo construtivo con todas as forzas políticas parlamentarias e máis cos representantes do Goberno para conseguir espazos de colaboración e consenso tamén neste ámbito". Recoñece que é neofalante, pois na súa casa falábase en castelán, pero a súa posición respecto da lingua galega chegou cando atopou "un espazo afectivo, de admiración e agarimo cara ao galego", polo que espera que se cren eses espazos.
"O galego, ou o facemos entre todos, os galegos e as galegas, ou non hai futuro, pero para todo, non só para a lingua", concluíu o presidente electo.

Comentarios