Miguel Díaz: "Os 'asesores' de Franco non me deixaban achegarme"

Miguel Díaz fixo sorrir a todo Ribadeo nos últimos 70 anos. Non hai ribadense que non pousara diante da súa cámara; primeiro como Foto Sáez, despois como Foto Miguel. El camiña xa polos 89 anos e segue sorrindo. Onte sorriu en Lugo porque a Semana de Cine lle rendeu unha homenaxe
MIguel Díaz. SEBAS SENANDE
photo_camera MIguel Díaz. SEBAS SENANDE

"E ti sabes en en que consiste a homenaxe?", preguntaba onte Miguel Díaz nos nos corredores do Pazo de San Marcos. Está afeito a rexistrar en fotografía e vídeo os actos nos que os protagonistas son outros. O traxe, azul de recén estreado; a gravata, en tons primaverais de rosa; o pelo, curtado con atención. E o sorriso, sempre.

A vida nunca se compadece. "Paseinas negras". Naceu na parroquia ribadense de Piñeira en 1933. Marchou como criado á casa de Cordeiro, en Trabada. Cincuenta anos máis tarde despegaba en avioneta dende unha pista a uns centos de metros da súa casa natal e sobrevoaba o tellado.

A fotografía permitiulle gañar cartos. Entendeu na mili, en Ceuta. "Comprei unha Agfa. Facía fotos dos militares e do cuartel ata que un cabo primeiro se chivou ao teniente coronel porque el tiña a exclusiva das fotos de carnet dos soldados. Tiven sorte porque lle fun fotografar os fillos do teniente coronel e todo quedou en nada".

Regresou a Ribadeo. "Andaba polas casas cun maletín de barbeiro, onde levaba tamén a cámara. Aprendera a curtar o pelo na casa de Cordeiro". Miguel Díaz cansou de andar de casa en casa. Pediu un traballo ao fotógrafo da vila, Sáez. Foi rexeitado porque xa tiña tres empregados. Sáez marchou a Bilbao, polo que el aproveitou para coller o traspaso co trío laboral incluído. Empezou daquela un carrusel de vodas, bautizos, comuñóns, festas e enterros. Participaba en máis cerimonias que o párroco.

O escaparate do seu negocio estaba tapado por centos de fotos pegadas en columnas nas que estaba todo quen vivía en Ribadeo nun tamaño ou noutro, pero estaba. O fotógrafo lembra que tamén participaba nas lúas de mel dos recén casados. "Levábaos no taxi ata A Coruña, Lugo ou Oviedo para que collesen un tren ou un autobús". A maiores conducía un taxi e era corresponsal gráfico de El Progreso. "Unha vez levaba uns negativos ao periódico. Era unha noite de inverno e chovía. Pinchei unha roda e vinme negro para cambiala porque non tiña luz", recorda Miguel Díaz.

Cando se acabou a ponte e o telesférico foi desmontado, pero Miguel Díaz continuou o seu voo; desta volta a bordo dun ultraxeiro

A principios dos anos 80 empezou a tenderse unha ponte entre Galicia e Asturias á altura de Ribadeo. "Estiven indo todos os días durante seis anos. Vendíalle as fotos ás empresas", comenta. Esa obra permitiulle voar sobre a ría. Había un cesto suxeito a un cable que corría sobre os 612 metros do que sería a Ponte dos Santos. O mar quedaba uns 40 metros por debaixo daquela pequena cadeira na que voaba coma unha cría de aguia.

Cando se acabou a ponte e o telesférico foi desmontado, pero Miguel Díaz continuou o seu voo; desta volta a bordo dun ultraxeiro. A comodidade mellorou cando puido facerse coa primeira avioneta das dúas que mantivo. "Agarraba cunha man o voante e abría a ventanilla; sen soltar os mandos, quitaba a cámara por fóra para facer fotos. Fixen fotografías de toda a costa entre Viveiro e Luarca. O ideal sería levar a alguén comigo, pero era consciente de que podería ter un accidente. Non tiven ningún".

O aeródromo desde o que despegaba fóra feito grazas ao ánimo que Rafael del Pino, presidente de Ferrovial —que tiña a segunda mansión en Ribadeo— dera aos socios do aeroclub ribadense. O seu cuñado Leopoldo Calvo Sotelo, que era presidente do Goberno, foi obxectico para Foto Miguel. Antes fórao Francisco Franco, durante os seus veraneos en Ribadeo. O ditador pescaba no río Eo, á altura de Abres. "Franco non se deixaba fotografar. Tiven que falar co alcalde para que mo presentase. Dende aquela non houbo problemas, pero non podía achegarme porque estaban os asesores polo medio".

Outro ditador, Fidel Castro, "era máis fácil". Miguel Díaz foi a Cuba "como único reporteiro gráfico"  nunha viaxe de corenta alcaldes da Mariña a Cuba. "Fidel era amable, quitouse unha foto con todos. Estivemos oito días alí, moi ben tratados. O Gallego Fernández acompañounos. Despois vendín as fotos aos alcaldes".

Comentarios