Narla: "O pao de tinte para a roupa era máis valioso que o ouro ou a prata na América do século XVI"

O modisto Lorenzo Caprile contou en televisión que os Austrias non vestían de loito, senón que levaban roupas negras porque as tinxían co exclusivo pao de tinte. Francisco Narla imaxinou un roubo que conta na novela Balvanera
photo_camera Francisco Narla. AEP

A ÚLTIMA novela de Francisco Narla (Lugo, 1978) está protagonizada por un pobre, Camacho, e está ambientada no México xa hispanizado de fins do século XVI. Camacho xúntase cunha prostituta, un freire e un indio para intentar roubar un cargamento de pao de tinte que viaxaría a España no barco Balvanera.

Narla presenta o libro este xoves ás 20.30 horas no Vello Cárcere de Lugo. O escritor é piloto. Antes guiaba avións entre España e Suramérica, agora voa "máis cerca, grazas ao éxito de Assur". Segue vivindo en Friol, onde ten tempo para recoller as fillas cando chegan no autobús escolar e para ir pescar no río Madalena. Nunca faltan as capturas. "É un tramo sen morte". Abundan as troitas.

Asina vostede a oitava novela. Volve cunha aventura histórica.

O público púxome nese papel. Neste caso falo da corrupción no imperio español a través do comercio do pao de tinta, que permitía aos Austrias vestir de negro porque foron os primeiros en ter ese tinte. O pao de tinta era máis valioso que o ouro ou a prata. Camacho é un rapaz sen apelido, que daquela aseguraba unha posición. Camacho chámase en realidade Isidoro Bernal María de la Santísima Merced de la Visitación y Brochero, que foi como lle puxo a nai. Púxenlle Camacho como fillo da Camacha, que é unha personaxe da que fala Cervantes, é unha homenaxe a Cervantes.

Pretende ascender socialmente.

Acude ao negocio do pao de tinte porque quere ser honrado, pero róubanlle e dáse conta de que non pode ser honesto, de que lle obrigan a delinquir. Decide roubar o maior cargamento da Flota de Indias.

Axudado por uns socios peculiares.

Xunto a un franciscano descrido. É o momento do Concilio de Trento e da Contrarreforma. Existe a Controversia de Valladolid, pola que discuten franciscanos e dominicos sobre os dereitos que deben ter os indíxenas na que participa Bartolomé de las Casas pidiendo dereitos plenos. O freire da novela vai ao lupanar e morre de medo cando lle din que debe ir de misioneiro. Outra é a filla dunha prostituta, amiga de Camacho. Hai un indio que axuda a Camacho porque el o auxiliara cando quedara malferido. A través del falo da explotación dos indíxenas.

Por que fala do comercio entre México e España no século XVI?

Pareceume interesante falar dese comercio. Estaba tratando de ter unha opinión sobre a Conquista e o Descubrimento porque esa visión é negra ou rosa. Estaba investigando sobre ese asunto cando escoitei ao deseñador Lorenzo Caprile na televisión dicindo que o loito que sempre pensamos que levaban os Austrias non era tal. Vestían de negro porque ata entón non era nada fácil vestir esa cor.

Lográrono cun tinte vexetal que se extraía da árbore campeche, que medra en Yucatán.

Cando vin o de Caprile estaba lendo aos cronistas do Descubrimento. Daquela a ratio de universidades e hospitais en Suramérica era maior que agora. Carlos V detén a Conquista porque quere saber se é boa ou mala xuridicamente. Isabel a Católica pensaba que se debe tratar ben aos indios, que non traballen os nenos, que os indios son libres. Ela di que os indios deben ter os mesmo dereitos que os outros súbditos. Temos unha consideración negativa dese período.

Por que?

Porque os ingleses e os holandeses fixeron unha propaganda que cremos. España martirízase a si mesma.

A novela pode corrixir esa crenza?

A lenda negra é un trasfondo na novela, eu non podo dar leccións de historia. Ese trasfondo histórico interésame para escribir. Por exemplo, un indio sofre abusos dun encomendeiro; pero tamén hai universidades e hospitais. Nesta obra sigo os tres actos que recomendaba Aristóteles.

Os vellos gregos fixeron todo antes ca nós.

Un dos libros máis vendidos en Hollywood é a Poética de Aristóteles. Todos os guionistas o compran. Aristóteles di: "Todo final debe ser tan inesperado como inevitable".

Por que elixiu México para ambientar Balvanera?

Coñezo ben México. Teño voado moito alí. Pero agora durmo na casa.

Comentarios