Francisco Fernández del Riego será o homenaxeado o Día das Letras Galegas de 2023

O de Lourenzá, falecido en 2010, foi membro da nova xeración de intelectuais que deron continuidade ao ideario do Grupo Nós
Fernández del Riego. AEP
photo_camera Fernández del Riego. AEP

A Real Academia Galega (RAG) dedicará o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010). Así o decidiu o pleno da institución reunido este sábado en sesión ordinaria. 

Segundo detallou a RAG, o pleno acordou homenaxear a Fernández del Riego o próximo 17 de maio, coincidindo coa celebración do 60 aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, do que foi inspirador, e os 110 anos do seu nacemento. 

Fernández del Riego foi membro da nova xeración de intelectuais que deron continuidade ao ideario do Grupo Nós. "Francisco Fernández del Riego foi un loitador cultural incansable que se chegou a converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo", destacou a entidade. 

A principios dos anos 50 foi un dos fundadores da Editorial Galaxia e na última etapa da súa vida presidiu a Real Academia Galega (1997-2001). 

O lucense ingresou como membro de número da RAG no ano 1960. Tres anos despois, a institución dedicáballe a Rosalía de Castro, no centenario de Cantares Galegos, o primeiro Día das Letras Galegas, unha proposta que, co apoio das firmas dos académicos Ferro Couselo e Gómez Román, presentara ao pleno aquel novo académico "cheo de desexos renovadores" que contaba xa cunha "sólida historia de compromiso coa lingua e a cultura galegas e a modernidade". 


A Academia sinalou nun comunicado que Fernández del Riego demostrou o seu compromiso desde os seus anos de estudante en Santiago de Compostela durante a II República. Con 20 anos os seus compañeiros elixírono para pronunciar o discurso de representación do alumnado na inauguración oficial do curso 1933-1934, o que demandaba unha universidade foco de modernización e galleguización da sociedade. 

Máis aló das aulas, foi membro do Partido Galeguista, secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguista e, posteriormente, parte do Seminario de Estudos Galegos. 

Na súa etapa en Compostela comezou tamén a escribir nos xornais como articulista, redactou manifestos, pronunciou discursos e conferencias, participou na constitución de Galeuzca e integrouse desde o primeiro momento na comisión encargada de redactar o proxecto do Estatuto de Galicia.

REPRESALIADO. Posteriormente, como moitos outros compañeiros, Fernández del Riego foi represaliado polos golpistas e foi destituído como profesor de Dereito Civil da USC, polo que tivo que abandonar Santiago de Compostela e instalarse en Vigo, "onde era menos coñecido e sobreviviu dando clases particulares". 

Despois da posguerra, cando tivo que ocultar o seu verdadeiro nome para gañarse a vida, volveu de novo a escribir co pseudónimo de Salvador Lorenzana no xornal compostelán A Noite. Desde esta cabeceira, xunto a Ramón Otero Pedrayo, conseguiu que os temas sobre Galicia e a súa cultura alcanzasen cada vez "unha maior presenza e proxección, atraendo cara a eles plumas até o momento caladas como as de Florentino López Cuevillas, Valentín Paz Andrade, Vicente Risco, Ricardo Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro e o irmán Álvarez Blázquez.

O SEU PRIMEIRO LIBRO, EN BUENOS AIRES. Así mesmo, a RAG destacou o seu labor de "ponte entre a Galicia do interior e a de máis alá do mar". A súa correspondencia con Luís Seoane mostra como "o seu talante aberto e dialogante, xunto coa súa autoridade intelectual e inquebrantable entusiasmo, conseguiron manter vivo un fío de entendemento entre esas dúas maneiras de vivir a galeguidade". 

Precisamente, en América foi onde publicou o seu primeiro libro, Cos ollos do noso esprito (Buenos Aires, 1949). 

Na década dos 50, Fernández del Riego participou "moi activamente nos diferentes proxectos que buscaban a recuperación do proceso cultural de Galicia", en concreto, na creación da Editorial Galaxia, da que foi secretario do consello de administración e máis tarde director xerente, e desde a que animou a novos escritores a crear en galego. 
Ademais, foi tamén cofundador de revista Grial (1951) e da Fundación Penzol (1964), da que acabou sendo director até o seu falecemento. 

A Academia tamén subliñou que o seu nomeamento en 1997 como presidente da entidade significou "un cambio radical nas actividades desta institución, que se reactivaron significativamente e, sobre todo, axeitáronse aos novos tempos que vivía Galicia e o mundo".

UNHA OBRA "INMENSA".  Por outra banda, a Real Academia puxo en valor que a súa obra escrita, que tocou "case todos os xéneros", foi "inmensa", comezando polas súas colaboracións en practicamente todos os xornais de Galicia e nas revistas máis representativas do interior e da diáspora. 

Os seus artigos, aínda sen catalogar, "posiblemente superen os mil". Así mesmo, participou en numerosos libros, propios ou colectivos, nos que moitas veces asinaba con pseudónimos como Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo. 

No ámbito do ensaio, asinou, entre outros títulos, Galicia no espello (Buenos Aires, 1954), Historia da literatura Galega (Vigo, 1951), Escolma de poesía galega. Os contemporáneos (Vigo, 1955), Escolma de poesía galega. O século XIX (Vigo, 1957), Letras do noso tempo (Vigo, 1974), Dicionario de escritores galegos (Sada, 1990) ou Sinais dunha cultura (Pontevedra, 2003). 

Fernández del Riego tamén cultivou a literatura de viaxes, con volumes como As peregrinacións xacobeas (A Coruña, 1983), A pegada das viaxes (Vigo, 2000), Portugal norteño (Vigo, 2000), a serie Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental (Vigo, 2001-2003) e Lourenzá (2004). 

Ademais, escribiu monografías sobre diversos autores da cultura galega, como A xeración Galaxia (Vigo, 1996), O señor da Casa Grande de Cima de Vila (Ourense, 1988), Antolín Faraldo, o gran soñador (Vigo, 1998), Con Pondal en Bergantiños (Sada, 2001) ou O Pai Sarmiento e Galicia (Vigo, 2002), e a novela O cego de Pumardedón (Vigo, 1992). 
Con carácter autobiográfico, a RAG destacou O río do tempo. Unha historia vivida (Sada, 1990) e Camiño andado: memorias (Vigo, 2003). 

A súa traxectoria foi recoñecida en vida con numerosas distincións, entre elas, o nomeamento de doutor honoris causa da Universidade de Vigo, o Premio Trasalba, ou a Medalla Castelao.

MARÍA LÓPEZ SÁNDEZ, ACADÉMICA DE NÚMERO ELECTA 

Por outra banda, na sesión plenaria deste sábado tamén se acordou que a filóloga e escritora María López Sández (Lugo, 1973) ocupe a vacante producida polo falecemento do académico Darío Xohán Cabana o pasado mes de novembro. 

Profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela e catedrática en excedencia de ensino secundario, a académica de número electa é investigadora da literatura galega e da sociolingüística, e tamén creadora literaria.

Entre outros galardóns, recibiu o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007 por Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio (Galaxia, 2008) e o Premio Repsol de Narrativa Breve (2012) por A forma das nubes

Comentarios