sábado. 31.07.2021 |
El tiempo
sábado. 31.07.2021
El tiempo

Fran Alonso: "Nin son Bragado nin podo selo, el foi un monstro da edición"

Fran Alonso, novo director de Xerais. MANUEL G. VICENTE
Fran Alonso, novo director de Xerais. MANUEL G. VICENTE

O subdirector de Edicións Xerais asume a dirección para pechar a súa crise anunciando que potenciará a ficción escrita por autores galegos

Fran Alonso atopábase a media tarde de onte no interior do seu coche, "atrapado no atasco diario de Rande" durante unha tarde quente e solleira. Falaba coa naturalidade do cotián, pero o venres era diferente porque pasara de ser subdirector de Edicións Xerais a director. O seu papel da tarde era presentar un premio de novela en Ribeira e, asemade, ir trazando mentalmente as liñas do que pretende que sexa a súa empresa nos vindeiros anos. Os atascos favorecen a reflexión sempre que se padezan con serenidade.

"Eu non son Manuel Bragado nin podo selo porque el era un monstro da edición, alguén que fixo da edición a súa vida e que sacrificou parte desa vida pola súa profesión, pola defensa de Xerais e da cultura", razoaba ao tempo que buscaba na guanteira unhas lentes de sol.

Evidentemente, Fran Alonso (Vigo, 1963) non é Bragado, pero leva "24 anos" traballando baixo as súas directrices na firma á que se incorporou en 1992. Desde 2001, cando asumiu a subdirección, comparte co exdirector xuntanzas, diálogos, criterios, éxitos e frustracións. O seu xeito de definir o seu territorio ten máis de complicidade co seu antecesor que de colocación de marcos. Manuel Bragado seguirá asesorando á editorial con propostas de publicación e avaliación de textos.

Anaya, propietaria de Xerais, resolveu a crise da firma co cese do director e tres despedimentos, co que o cadro de persoal queda en nove persoas.

A firma matriz comunicou a Alonso o cargo hai días, polo que aínda lle escaseou o tempo para "pensar". Un atoamento en Rande non abonda para debuxar unha estratexia a longo prazo.

Pese a que o seu plan de traballo seguirá polo de agora as estradas xa asfaltadas, indicou que vai "potenciar a ficción porque é un ámbito en crecemento, sobre todo, en infantil e xuvenil; mentres que decrece o libro de texto". Outra liña que gañará dimensión será a "ciencia e a tecnoloxía, coas que xa se empezara".

A divisa de Xerais en narrativa continuará sendo "a potenciación da creación literaria de autores galegos en galego", polo que a tradución manterase no seu papel de convidada no catálogo da editorial viguesa.

Fran Alonso advierte de que lle gustan "os retos", pero non suaviza o desafío que ten diante. Fala de "desmantelamento" do sector editorial en Galicia e sitúa na diana da culpabilidade á Xunta. "Perdemos un 80 do investimento público en dez anos", denunciou.

O recén nomeado director de Xerais preguntouse polo que acontecería se esas cifras "afectasen a calquera outro sector, sería un escándalo".

Para revertir esa situación, unha vez anunciada a fin da crise económica no Diario Oficial de Galicia, Alonso reiterou que se manterá o criterio da súa firma de "actuar conxuntamente" coa Asociación Galega de Editoras para que se visualice o problema como sectorial e non particular dunha empresa.

Fran Alonso ampliou o panorama de cooperación a outros asuntos respecto á aparición de novas editoras, de tamaño cativo, que se vencella coa marcha de dous editores históricos: Manuel Bragado e Víctor Freixanes, que abandonou Galaxia. Aínda que non pode equipararse á trascendencia de ambos os feitos para a cultura, si pode facerse para o mapa editorial.

Minutos máis tarde, Fran Alonso arrancaba o coche cara á "necesidade de autorreinventarse".

Fran Alonso: "Nin son Bragado nin podo selo, el foi un monstro da...
Comentarios