Tres fotógrafos lucenses forman parte do novo colectivo Ollo

Adra Pallón, Paula Quiroga e Sabela Eiriz farán exposicións e impartirán formación
Adra Pallón. AEP
photo_camera Adra Pallón. AEP

Sete profesionais galegos veñen de fundar a asociación fotográfica Ollo, que nace para facer reportaxes de prensa, mostras e dar talleres dun modo conxunto. Os lucenses Adra Pallón e Paula Quiroga crearon este colectivo xunto cos coruñeses Óscar Corral, Vanessa Casteleiro e Agostiño Iglesias, e os ourensáns Brais Lorenzo e Óscar Pinal. A maiores, contarán co apoio na xestión de Daniel Lázare e Sara García, e coa edición e comisariado de Sabela Eiriz, os tres tamén lucenses.

Ollo debuta hoxe coa publicación nunha revista dixital e Lumes, unha reportaxe a varias cámaras sobre incendios forestais. O colectivo levan doce anos facendo fotos de entre as que escolleron as que amosa a publicación.

Adra Pallón explicou que empezarán a impartir docencia en obradoiros "nos que imos amosar que  o fotoxornalismo pode ser máis profundo que o que se pensa". A maiores, haberá "reflexións" que se concretarán en mostras dos oito integrantes de Ollo e traballos periodísticos para medios de comunicación nos que traten "realidades sociais e ecolóxicas", como "a transición ecolóxica, a seca ou as migracións".

Adra Pallón foi seleccionado como finalista na feira barcelonesa Estampa xunto a Brais Lorenzo

O propio Adra Pallón foi recoñecido o pasado sábado na feira Estaçao da Imagem de Coímbra, que valora a mellor fotografía portuguesa e admite concursante da lusofonía, cunha mención especial por un dossier sobre migracións. A maiores, o sábado levou o Premio Estaçao á fotografía do ano e unha segunda mención cun xurado con profesionais do The New York Times e Magnum.

O fotoxornalista soubo onte que fora seleccionado como finalista na feira barcelonesa Estampa xunto a Brais Lorenzo. Ambos por segundo ano consecutivo.

Comentarios