Os Premios Martín Códax da Música Galega tiveron este mércores selo lucense coa distinción á foliada da Fonsagrada na categoría de festivais e ao grupo lucense Arrhythmia na de metal e heavy.
Os galardóns, que se entregaron no Pazo da Cultura de Pontevedra, distinguiron tamén a Luz Casal co premio de honra, galardón que a artista de Boimorto recibiu da man da presidenta de Músicas ao Vivo, Sheila Patricia, e do presidente das Bodegas Martín Códax, Xoán Antonio Allegue. A directiva de Músicas ao Vivo quixo recoñecer "a riqueza, delicadeza e inconformismo como intérprete e compositora" que caracterizan a traxectoria da cantante.

Os primeiros catro premios da noite foron para Arrhythmia, na categoría de metal e heavy; a viguesa Su Garrido Pombo, na de canción de autora; Udra, na de blues, funk e soul, e Terrae, na de electrónica. Seguíronlle os recoñecementos a Quico Comesaña e o seu grupo, na categoría de folk; á formación Ailá, no apartado de tradicional; e Ton Risco e Marcos Teira en músicas do mundo.

A Banda Cultural de Salceda foi considerada mellor banda de música popular e a Orquestra La Oca Band, de Vilalonga (Sanxenxo), mellor orquestra. Tamén recolleron galardóns a banda coruñesa Moura, na categoría de rock; a artista viguesa Sila Lua, na de músicas urbanas, e o percusionista e artista sonoro de Lalín Mario G. Cortizo, na de música clásica e contemporánea.
Os últimos premios foron para David Regueiro Trio e Alexandre Cavaliere, en jazz; a banda de Noia Momboi, na categoría de pop, e Pillaband, na de música infantil. Os Premios Organistrum foron para a Sala Rebullón de Mos, na categoría de salas, Galiciantunes na categoría de proxectos de comunicación, e a foliada da Fonsagrada, na de festivais.
Os premiados
Metal e heavy: Arrhythmia.
Canción de autor: Su Garrido Pombo.
Blues, funk y soul: Udra.
Electrónica: Terrae.
Folk: Quico Comesaña + Grupo Música Tradicional: Ailá.
Músicas do mundo: Ton Risco e Marcos Reira.
Bandas de música popular: Banda de música de Salceda.
Rock e punk: Moura.
Música urbana: Sila Lúa.
Orquestras: La Oca Band.
Música contemporánea e clásica: Mario G. Cortizo.
Jazz e músicas improvisadas: David Regueiro Trío Ft Alexandre Cavaliere.
Pop e indie: Momboi.
Música infantil: Pillaband.
Artista emerxente: Sergio de Miguel.
Salas: Sala Rebullón.
Proxectos de comunicación: Galiciantunes.
Festivais: Foliada da Fonsagrada.
Premio de Honra: Luz Casal.