sábado. 31.07.2021 |
El tiempo
sábado. 31.07.2021
El tiempo

Florencio Delgado Gurriarán será o homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2022

Florencio Delgado Gurriarán. RAG
Florencio Delgado Gurriarán. RAG
O poeta e dramaturgo de Vilamartín foi un dos grandes valores da literatura galega no exilio

O poeta Florencio Delgado Gurriarán, editor literario e activista político e cultural fundamental do exilio galego en México, será o autor homenaxeado nas Letras Galegas 2022, segundo acordou a Real Academia Galega (RAG) na sesión plenaria celebrada este venres. O Pleno escolleu ao autor de Vilamartín por 14 votos a favor, fronte ás outras dúas propostas: a do poeta e dramaturgo Fiz Vergara Vilariño (catro votos) e a candidatura conxunta do fundador da Editorial Nós Ánxel Casal e o poeta granadino Federico García Lorca (catro votos).

A candidatura gañadora foi presentada polos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e María Rosario Álvarez Blanco. Nunha rolda de prensa, o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, puxo en valor que este é "o poeta das terras de Valdeorras, que escribe desde o enxebrismo léxico e lingüístico do galego oriental", e adiantou que as actividades se penetrarán nesa "memoria histórica do exilio mexicano".

Pola súa banda, Xesús Alonso Montero definiu ao próximo homenaxeado como "o poeta da comarca de Valdeorras" e explicou que "unha parte non pequena da súa obra" está vinculada a esa zona. Tamén enxalzou que foi "unha das grandes plumas satíricas" da poesía galega e detallou que usou o pseudónimo de Corgomófilo en honra ao lugar de Córgomo, do que é orixinario.

VIDA. Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, Ourense, 1903 - Fair Oaks, Estados Unidos, 1987) licenciouse en Dereito na Universidade de Valladolid para, posteriormente, exercer como avogado no Barco de Valdeorras, e ingresou no Partido Galeguista en 1933. Foi un dos fundadores da revista Vieiros e membro non numerario da Real Academia Galega. Durante a Guerra Civil foise ao Porto (Portugal), desde onde se trasladou a Bordeus (Francia) e chegou á Barcelona republicana en xaneiro de 1938.

Como poeta, ao longo de máis de cinco décadas publicou composicións en revistas, xornais e libros. O seu primeiro poemario Bebedeira (Editorial Nós, 1934) é unha obra próxima ao hilozoísmo de Amado Carballo.

Xa no exilio, implicouse na revitalización cultural nun tempo en que a cultura da terra quedaba muda no seu propio idioma, mentres México e Bos Aires convertíanse nos grandes centros da actividade cultural e política do galeguismo.

Páxinas destacables daquela época son a colectánea poética Cancioneiro da loita galega (1943), primeira publicación do Partido Galeguista en México e da que Delgado Gurriarán foi responsable intelectual e principal colaborador.

Tamén escribiu obras como Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949), en colaboración con Plácido R. Castro e Lois Tobío; Galicia infinda (1963); Cantarenas. Poemas (1934-1980), ou Ou Soño do Guieiro. Opúsculos de poesía (1986). A RAG tamén destaca o seu papel como promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953), a audición radiofónica Hora de Galicia, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas e de varias publicacións de carácter político e cultural.

A través da súa figura, a institución pretende homenaxear tamén por primeira vez a Galicia do exilio republicano en México. Vieiros (1959-1968) é outro gran fito do exilio galego en México que Delgado Gurriarán e os seus colegas fixeron posible, anos despois da experiencia de Saudade. Verba galega dás Américas (1942-1953), da que o protagonista tamén formou parte.

Durante a época de formación de Vieiros, o homenaxeado mantivo relación con intelectuais do exilio interior como o académico Francisco Fernández del Riego ou Valentín Paz-Andrade e estivo en contacto cos mozos do Grupo Brais Pinto.

Faleceu en 1987 aos 83 anos cando se atopaba na casa dos seus fillos, en California.

Florencio Delgado Gurriarán será o homenaxeado no Día das Letras...
Comentarios