martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

A Filarmónica de Lugo programa trece concertos para celebrar os seus 75 anos

José Luis Díaz —terceiro pola esquerda—, entre directivos da Filarmónica e representantes públicos. EP
José Luis Díaz —terceiro pola esquerda—, entre directivos da Filarmónica e representantes públicos. EP
A sociedade de música clásica anunciou as tres orquestras sinfónicas galegas para esta edición

A Sociedade Filarmónica de Lugo decidiu apurar o paso. O secretario, José Luis Díaz, explicou que "esta temporada será a máis ambiciosa para saír do parón e a celebrar os 75 anos da asociación", que se fundou en decembro de 1946 e celebrou o seu primeiro concerto no maio seguinte. Organizaron trece concertos que Díaz estima poderían chegar a quince e que se desenvolverán entre este sábado e o mes de maio.

Ese espírito ambicioso para este ano permitirá a presenza das tres orquestras sinfónicas galegas na cidade: a Real Filharmonía de Galicia, con dúas datas (17 de decembro e 1 de abril), a Orquestra Sinfónica de Galicia (23 de febreiro) e a Orquestra Vigo 430, que tamén o fará en dúas ocasións (25 de se-tembro e o vindeiro 29 de xaneiro).

A Orquestra Vigo 430 será a primeira que actuará en Lugo e vaino facer dentro da xúa xira para o Xacobeo 2021-22. O programa inclúe a estrea da obra do compositor vigués Juan Durán Variacións sobre Rosa de Abril para piano e orquestra, co pianista Antonio Queija, xunto a composicións de Dvorak, Bartók e Turina. O concerto será o sábado as 20.00 horas no Círculo de las Artes. Todos os concertos serán a esa hora e nese lugar.

A mezzosoprano islandesa Gudrún Ólafsdóttir actuará o 29 de outubro acompañada polo Sonor Ensemble

A maiores destes tres colectivos de importancia, solistas de prestixio internacional intervendrán na tempada, tanto con orquestras como en recitais: o chelista alemán Nicolas Altstaedt interpretará coa Real Filharmonía de Galicia o Concerto para chelo de Schumann e a violinista holandesa Rosanne Philippens dirixirá e actuará como solista no Concerto para violín de Brahms. José Luis Díaz fixo un aparte para o violinista francés David Grimal, o ruso Alexander Sitkovetsky e o violista ucraniano Maxim Rysanov.

O piano será o protagonista en dous recitais. O primeiro o 10 de marzo a cargo de Alexei Petrov, o último gañador do Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo, un premio co que a sociedade mantén un acordo de colaboración para que o gañador toque en Lugo, e o 27 de abril con Judith Jáuregui, unha das pianistas máis recoñecidas dos últimos anos, que vén de actuar no Festival Bal y Gay que se fai na Mariña.

O aforo máximo do Círculo de las Artes será de 140 persoas

Terá tamén presencia a música de cámara en dous concertos. O cuarteto Trifolum, "grupo significado na interpretación historicista", ofrecerá o día 23 de novembro un concerto arredor da música do que fora algún tempo mestre de capela nas catedrais de Mondoñedo e Lugo, o portugués Joao Pedro Almeida (1744-1817).

Ese estilo continuará o 11 de decembro cun concerto cos Cuartetos con piano de Mozart a cargo da pianista Noelia Rodiles, Aitor Hevia (Cuarteto Quiroga), Lara Fernández (Cosmos Quartet) e Fernando Arias (Trío VibrArt).

"Un lugar especial e sinalado terán na tempada" gardou José Luis Díaz para o concerto protagonizado polo contratenor Christian Gil Borrelli e á Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave, que está fixado para o 17 de decembro.

Dobre concerto do Cuarteto Quiroga
A figura central deste ano será Johannes Brahms, ao cumprirse 125 anos do seu pasamento. A Filarmónica quixo subliñar a efeméride coa presenza en dous concertos do Cuarteto Quiroga, que se celebrarán os días 19 de febreiro e o 7 de maio. O secretario da Filarmónica considera "un fito" esa dobre ocasión de escoitar esta agrupación porque interpretarán a integral dos cuartetos de corda de Brahms.

Islandia
A mezzosoprano islandesa Gudrún Ólafsdóttir actuará o 29 de outubro acompañada polo Sonor Ensemble, unha das agrupacións españolas con maior proxección internacional e formada por músicos da Orquesta Nacional de España.

140 persoas
José Luis Díaz indicou que o aforo máximo do Círculo de las Artes será de 140 persoas. O vicepresidente, Xulián Parga, agradeceu aos socios a fidelidade mantida durante a pandemia "porque ninguén se deu de baixa dun xeito voluntario".

A Filarmónica de Lugo programa trece concertos para celebrar os...
Comentarios