martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Ferrol crea un grupo de traballo para celebrar as Letras Galegas de Carvalho Calero

Ricardo Carvalho Calero. EP
Ricardo Carvalho Calero. EP
O obxectivo é "identificar todos aqueles recursos do patrimonio municipal relacionados co escritor", así como "as diversas achegas técnicas sobre actuacións que se poden desenvolver ao redor da súa figura" 

O Concello de Ferrol comunicou este luns a constitución dun grupo de traballo ante a celebración do Día das Letras Galegas do ano 2020, que estará dedicado ao intelectual ferrolán Ricardo Carvalho Calero. O consistorio anunciou que a tenente de alcalde María Teresa Deus "mantivo unha primeira reunión con persoal técnico municipal" a este respecto. Así, valorou que serviu para "facer unha primeira aproximación á figura do ilustre ferrolán".

O goberno local reivindicou "as iniciativas de anteriores corporacións municipais, como o nomeamento de Carvalho Calero como fillo predilecto de Ferrol en 1990 ou os distintos eventos cos que se conmemorou en 2010 o centenario do seu nacemento". Así mesmo, aludiu ao "traballo de diferentes organismos, entidades, institucións, asociacións, centros de ensino e persoas". "Tanto no ámbito local como no comarcal loitaron durante anos para conseguir o que por fin o ano que vén se converterá en realidade", matizou.

Segundo o Concello ferrolán, "o obxectivo desta primeira cita foi identificar todos aqueles recursos do patrimonio municipal relacionados con Carvalho Calero cos que contan as distintas áreas" do consistorio. Ao mesmo tempo, apuntou que se recolleron "as diversas achegas técnicas sobre actuacións que se poden desenvolver ao redor da súa figura". A este respecto, indicou que se escoitarán e teranse en conta outras propostas que colectivos e entidades desexen facer para converter esta celebración nun motivo de orgullo".

O executivo municipal de Ferrol desexou que os eventos programados para 2020 teñan "unha proxección ampla e transversal". Nesta liña, augurou que todas "as persoas de Ferrol coñezan a obra dun ferrolán universal e poliédrico". "Foi funcionario municipal, escritor, ensaísta e catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela", engadiu.

Ferrol crea un grupo de traballo para celebrar as Letras Galegas de...
Comentarios