sábado. 21.09.2019 |
El tiempo
sábado. 21.09.2019
El tiempo

MANUEL BRAGADO, EDITOR

"Fernández del Riego estragou o coche novo dun editor ao apagar o xaruto que ía fumando"

Manuel Bragado. RAFA FARIÑA
Manuel Bragado. RAFA FARIÑA

Tomou a primeira e a última decisión sobre 4.000 libros. Amou uns, dubidou doutros, descubriu uns cantos, someteuse a algún. O seu nome non figura en ningún. Durante 25 anos foi o director de Xerais.

As unllas de Manuel Bragado son unllas tímidas. As mans, respectuosas e discretas; como se se avergoñasen de estar espidas. O seu corazón queda malamente disimulado cunha bufanda. Vai abrigado porque en Vigo non coñecen o frío. Calquer decaemento no termómetro anúncialles o cambio climático. Durante 28 anos pasaron centos de páxinas diarias pola súa mesa de editor en Xerais. Case que todo ese tempo foi director. Hai uns meses pechou o derradeiro libro no seu despacho e abriu un listado de alumnos como orientador nun colexio. Volveu ao mundo do que procedía: a educación.

Citoume vostede na Cosmos, a cafetería da gauche divine viguesa.
Aquí se reúne a progresía local.

Vigo é cidade galega máis aberta.
Nestes días, cando chega o Santo Hadrián, empezamos a ir a furanchos pola contorna da cidade. Somos modernísimos, pero nos perde o furancheo.

Estamos sentados fronte a árbore de Nadal máis alta de Europa. Abel Caballero diría que do mundo...
Non está claro que sexa a máis alta de Europa, pero si de Galicia cando menos.

Memorias
"Vivín cousas significativas para a cultura galega, pero non estou en disposición de escribir unhas memorias"

Vén de pasar pola Porta do Sol un coche eléctrico, pequeno. Dinme que nel cabe o alcalde con todo o seu ego.
Caballero é listo. Móvese pola cidade nese coche. É o oficial.

Abel Caballero parece unha entrada do diccionario para alcalde, vostede podería definir editor. Botou case tres décadas relacionándose con todo quen pensaba, investigaba, soñaba ou gobernaba en Galicia. Agora pídesenlle unhas memorias.
Non estou en disposición de escribilas. Vivín moitas cousas que foron significaivas para o desenvolvemento cultural de Galicia, pero a prioridade agora é desenvolver o meu proxecto profesional e finalizar varios traballos literarios que non puiden desenvolver por falta de tempo cando era editor.

Vostede levou no seu coche a medio sistema literario deste país.
En Xerais fomos os primeiros en levar os libros a todos os furanchos do país. Cando eu empecei,todas as presentacións facíanse na galería de Sargadelos en Santiago.

Fixo de chófer para o profesor Alonso Montero.
Esas viaxes con autores permitíronme profundizar nos afectos. É o marabilloso da edición.... esas horas de confesión.

Normalización
"Fernández Paz fixo documentos nos que se baseou a Lei de Normalización Lingüística"

Esas horas de confesión están chamando por unhas memorias.
Se as fago, terei que distinguir entre o que me contaron no coche e os que vivín en público.

No seu coche tamén montou Francisco Fernández del Riego.
Fran Alonso, o novo director de Xerais, levouno unha vez. Viña de comprar o coche...

...e Del Riego iría fumando.
Don Paco ía fumando o seu xaruto. Cando o rematou, non acertou a apagalo e chantouno contra o salpicadeiro. Cando montabamos no coche de Fran bromeabamos co burato de don Paco.

As viaxes que fixo vostede con Xabier Docampo e Agustín Fernández Paz son lendarias. Docampo provocando e Fernández Paz acalmando.
Xabier era un gran contador. Agustín e máis eu eramos os primeiros admiradores do seu relato. Agustín era máis reflexivo e máis político. Ambos estaban comprometidos con Galicia, que era a súa causa. Fernández Paz era extraordinario redatando documentos. Foi un dos responsables do documento sobre dobre competencia no que se baseou a Lei de Normalización Lingüística do 1983. Eles nunca tiveron un compromiso organizativo ata que se aprobou o decreto do plurilingüísmo. Os tres colaboramos en Prolingua porque entendemos que o requerían o momento e a causa. Eu sigo pensando que o require.

Nas viaxes falaban de política?
Falabamos de política e de lecturas. Eran grandes lectores. Agustín e Xabier vían unha película cada día. Tamén falaban de cine.

Conversas
"Xabier Docampo e Fernández Paz falaban de política e libros, Rivas e De Toro teñen a pulsión do presente"

Levar no coche a Xabier Docampo e a Agustín Fernández Paz é distinto de levar a Manuel Rivas e a Suso de Toro?
Xabier e Agustín forman parte dunha xeración de mestres dos anos 70 que acuñamos o soño da Nova Escola Galega, que buscaba transformar a sociedade a través dunha educación a medida do proxecto galeguista. Manolo e Suso teñen unha pulsión polo presente. Falan da axenda, do que está de actualidade. Eles teñen unha axenda pública de artistas.

Ao longo da súa carreira defendeu que «o editor debe estar ao servizo do autor».
O editor debe ser a intermediación necesaria entre o autor e o lector. Debe colaborar co autor na fixación do texto.

Hai quen opina que o texto pode chegar directamente ao lector, que o editor está de máis.
Si, hai quen pensa o seu papel de comunicador está cuberto polas redes sociais. Segue sendo necesario. É o primeiro lector. Non entendo os editores que non len. Hai editores internacionais que din que non teñen tempo.

Pulp Fiction. "Vigo foi a capital da literatura popular na España dos 40"

Un proxecto no que traballa Manuel Bragado é unha biografía do editor vigués Eugenio Barrientos, que fundou a editorial Cíes en 1943.

Por que o seu interese en Barrientos?
Porque logrou convertir Vigo no centro da literatura popular en España. Publicaba a Marcial Lafuente Estefanía. Desenvolveu a novela romántica con Corín Tellado.

Distribuía dende Vigo por toda España?
Si, si. Hai unha explicación. O Vigo dos anos 40 era cosmopolita. A espionaxe alemá e a inglesa facían os seus equilibrios en Vigo.

Como acabou Marcial Lafuente Estefanía na cidade?
Era un enxeñeiro militar republicano que sae do cárcere e se refuxia en Vigo. A relación que tiña con Barrientos era a habitual entre o editor e o escritor de pulp. A base de látego conseguía que lle entregase unha novela cada semana, que supón unha barbaridade de traballo. Entre os dous crearon unha factoría de fición. Lafuente tenía un negro, que era o seu propio fillo. O fillo vive en Costa Rica.Barrientos chegou a viaxar a Nova York naqueles anos.

Tantos cartos logrou facer coa editorial?
Moitos. En Estados Unidos tiña contactos que lle facilitou Marcial Lafuente Estefanía, que traballara como enxeñeiro de camiños nese país entre 1928 e 1931. Aproveitaba esa experiencia para ambientar as súas novelas do oeste.

Cambio profesional. "Son un mestre que editou libros durante 28 anos da súa vida"

Manuel Bragado forma parte da xeración de editores galegos dos anos 90, a primeira que se profesionalizou.

Víctor Freixanes deixou a dirección de Galaxia uns meses antes de que vostede marchase de Xerais. Ao tempo xurdiron unha chea de editoras cativas. Hai un cambio grande na edición galega.
Estas editoras pequenas son valiosas para o tecido editorial. Hai unha reconversión na edición educativa, que se amplou á literaria, especialmente en infantil e xuvenil. A parte positiva é que esa crise pasamos non é galega, porque parece que temos uns problemas que son nosos nada máis. Acontece tamén na edición española e pasou en Francia. O sector está moito máis diversificado que en 1994, cando empecei a dirixir Xerais. Xa non hai que atender a un público galeguista, senón a públicos máis diversos que piden unha oferta máis atractiva e en varia linguas.

Traducións
"Gustaríame ter publicado a Paul Auster, pero Carlos Lema era o seu editor en galego"

A súa xeración ampliou a oferta promovendo a novela negra, a social, a literatura infantil e xuvenil, e máis o cómic. Porén, houbo un fracaso en erótico e romántico.
Somos debedores da concepción sistemática que precisaba a edición galega. Outras liñas si que funcionaron polo apoio dos lectores. En novela negra hai media ducia de autores con enfoques diferentes e con públicos de varias xeracións. Están os escritores dos 80 e 90, como Aníbal Malvar, ou máis actuais, como Diego Ameixeiras ou Pedro Feijóo.

Dirixiu unha editorial co apelido de xerais. O nome é unha declaración de intencións para a liña editorial.
A nosa idea foi conformar un catálogo sistémico e outro de autores. Son dous motores que se enriqueceronn con premios e con atención aos novos escritores. Nos anos 90 era difícil publicar a un autor novo na colección canónica. Agora esas fronteiras están superadas. A nosa obsesión foi vender libros en galego aos que non lía libros en galego, mesmo aos que non lían libros. Os maiores éxitos foron de non ficción: itinerarios, sendeirismo, gastronomía, natureza,... No campo literario Rivas e De Toro gañaron moito lector para o galego. Xerais é precavida na tradución. Toda editorial debe ter entre un 10% e un 15% de títulos traducidos. Síntome orgulloso de ter editado a Tolkien ou a Bradbury en galego. Agora vai saír Primo Levi.

Quedoulle a frustración de non ter publicado a Paul Auster? Estivo cerca de conseguilo.
Carlos Lema, de Galaxia, era o seu editor en galego. Gustaríame telo publicado, ao igual que algún norteamericano máis. Publicamos a Updike, pero non saíu moi alá. Cando me propuxeron a Chimamanda Ngozi non acertei a publicala. Deixei de publicar moitos libros, pero poden recuperarse. Jostein Gaarder é un autor moi querido por Agustín Fernández Paz e por min. Algún día o farán.

Houbo intentos de crear axencias literarias en Galicia que non foron ben recibidos por parte dos editores, que os vían como competencia directa.
Os axentes son importantes en español. Son case que a única posibilidade de ser publicado. O noso sistema é de proximidade. Non parecía necesario.

Poderían axudar na tradución.
É certo que o mercado internacional funciona con axentes. Eu insistín na necesidade dunha política para dar a coñecer a literatura galega no mundo. Precisamos unha oficina da literatura galega para darnos a coñecer no mundo ou ter presenza nas feiras internacionais. Ledicia Costas está xa no mercado internacional.

Vostede considera que María Xosé Queizán pode ser unha autora internacional.
É unha das autoras galegas que merecen o premio Nobel. Ten obra en diversos xéneros, activismo social, cosmopolitismo,... Animeina a escribir as memorias. Encheume de orgullo que se publicasen. Fáltanos memorias e libros de conversas.

Promoveu un libro de conversas entre Francisco Fernández del Riego e Perfecto Conde.
Estaba todo dito sobre don Paco, pero faltaba o que dicía don Paco. Foi unha sorpresa que aparecesen esas conversas dez anos máis tarde. Paréceme incrible que se conservasen. É un libro dun gran periodista. Conde ten un libro moi interesante sobre droga en Galicia, La conexión gallega. Del tabaco a la cocaína.

A sona levouna Fariña.
Nacho Carretero fixo un labor moi importante de englobar, ordenar e xerarquizar a información sobre o tema.

Cambiou o seu xeito de ler
 A ollada non mudou.Gustaríame terme xubilado como editor. Son un mestre que editou libros durante 28 anos da súa via.

"Fernández del Riego estragou o coche novo dun editor ao apagar o...
Comentarios