Fernández Paz se inspira en el "año sin verano" para una novela fonsagradina

O escritor de Vilalba vén de publicar 'A neve interminable', unha novela de terror. A obra ten por protagonistas uns guionistas que temen non volver saír dun hostal illado. A noite na que naceron Frankenstein e Drácula está na base desta narración
Agustín Fernández Paz
photo_camera Agustín Fernández Paz

A noite máis fértil da literatura aconteceu hai case douscentos anos, en xuño de 1816. Mary Shelley e Percy B. Shelley pasaban unhas vacacións na casa suíza de Lord Byron e John Polidori. En 1815 estoupara un volcán en Indonesia con tal magnitude que Europa quedou cuberta moitos meses despois por cinzas que provocaron un frío intenso e unha luz insuficiente no que se chamou '‘Ano sen verán’'. Como anécdota, o autor apunta que «en Hungría nevou vermello», un fenómeno que agora se atribúe ás partículas dun mineral que quedaran suspendidas no aire. Nun daqueles días de ceo pechado, os catro veraneantes retáronse a escribir senllos relatos de medo. Mary Shelley escribiu '‘Frankenstein’' e Polidori, '‘Vampiro'’, que inspiraría a Bram Stoker para o seu '‘Drácula'’. En canto a Byron, chegou a bocexar '‘O enterro'’, que quedou inacabado.

Agustín Fernández Paz asegura que «xunto con Poe, aí están as orixes da literatura de terror», nese estío cuberto por unha nube negra e absoluta que provocou que se estragasen as colleitas e que, en consecuencia, morrese moita xente esfameada.

«Pregunteime polo clima que tivo que producirse esa noite entre os Shelley, Byron e Polidori para escribir esas obras»

Eses padecementos son historia, polo que o escritor de Vilalba preguntouse polo «clima que tivo que producirse entre aqueles catro literatos pechados por culpa do mal tempo para que escribisen esas obras».

Para contestarse, o autor fixo «unha traslación» para imaxinar que pasaría se ese verán escuro acontecese hoxe. A resposta é '‘A neve interminable'’, unha novela que publica Xerais, protagonizada por cinco guionistas que se aillan nun hostal dunha aldea afastada da Fonsagrada para escribir unha serie de terror. Un día empeza a nevar dun xeito que semella non ter paradura e comezan a temer que nunca poderán regresar á casa.

Fernández Paz indica que escolleu que os personaxes fosen guionistas, porque «se reúnen para traballar» e porque pode contar «como está a profesión». A maiores, permítelle introducir un conto que escribe cada un deles en varias pasaxes da novela.

O autor indica que valorou «facer unha novela co esquelete desta; desenvolvendo as tramas do vello, da parella de mulleres que se dedica ao teatro e dos donos da casa», sen meter narracións, pero «o recurso clásico das historias dentro da historia».

«Agradezo o premio Clubes de Lectura porque fan máis pola lectura que moitas campañas»

De feito, o narrador chairego enfía a súa novela coa apariencia de homenaxe á literatura que crearon Poe, Shelley e Stoker, pero introduce a modernidade contra o final. Alega que le «bastantes» libros de terror e misterio, pero que ten a sensación de que «esas historias xa están escritas, xa están contadas e xa están desenvolvidas», polo que se animou a buscar outro remate para a súa historia.

Lectura

'‘A neve interminable'’ sumarase este ano ao resto dos títulos de Fernández Paz para ser lidos polos colectivos de afeccionados. Os integrantes de 230 asociacións de centros educativos galegos veñen de recoñecelo co premio Clubs de Lectura por ser o autor máis lido.

Fernández Paz destacou este recoñecemento entre os que vén recibindo nos últimos anos «por ser concedido por lectores». O autor puxo en valor que «haxa persoas que se dediquen ‘gratis et amore’ e polo seu risco» aos clubs de lectura».

Engadiu que «as bibliotecas son importantes, pero os clubs de lectura son un paso máis adiante; que haxa rapaces, pais e profesores que se xunten para falar de libros é algo extrarodinario, é unha revolución silenciosa que fai máis pola lectura que moitas campañas, aínda que todo axuda». Rematou sinalando que «o importante é que se apoien esas iniciativas».

Comentarios