sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

"O feminismo de Pardo Bazán non cuestiona a Igrexa e a monarquía"

Henrique Alvarellos, Pilar García Negro e Marica Campo.
Henrique Alvarellos, Pilar García Negro e Marica Campo.
A profesora lucense da Universidade da Coruña Pilar García Negro critica a defensa da muller que fixo a autora coruñesa e asegura que consideraba Galicia unha terra atrasada sen remisión

O 8 de marzo de 1908 houbo unha folga de 40.000 costureiras de Estados Unidos para reclamar igualdade de condicións laborais cos homes. O 8 de xuño de 1908 a escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán anunciaba nun artigo que deixaba de usar o seu nome para firmar e empezaba a facelo co seu título La condesa de Pardo Bazán.

A profesora lucense da Universidade da Coruña María Pilar García Negro abre con ese texto o seu ensaio Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán (Alvarellos), que presentou este xoves en Lugo. García Negro explicou o seu interese en atender á relación con Galicia e co feminismo da autora en canto que se trata "do seu país natal" e dun discurso que ela desenvolveu dentro "da súa obra descomunal".Considerou necesario analizar ambas as cuestións "á luz do discurso teórico e a práctica literaria".

A investigación, que arranca xa de escritos seus de 1989, parte da consideración de Pardo Bazán como "galega que escribe, que non escritora galega" por non usar o galego como lingua literaria e do empeño por "establecerse en Madrid e triunfar na literatura española". "En paralelo ten o triunfo de obter o título de condesa en 1908", apuntou para aclarar que era filla de conde por un título concedido pola Santa Sede e faise co "título de Castilla, o rexio".

A ensaísta sinala que "na década dos anos 80" do século XIX "entra no Parnaso español", ao que se suma un "trato coa aristocracia de sangue, que arrodea a carreira anterior». Nunha carta a Galdós subliña que escolle ser «escritor español y genio varonil", aceptando "los valores del varón y en paz".

Na visión de Galicia "prepondera a barbarie, a violencia, o atraso e o caciquismo", que Pilar García Negro rastrexa na obra literaria de La Condesa de Pardo Bazán para atopar como personaxe "a maoría social galega", que son as clases populares, presentada "animalizada ou de imposible redención" a través "do progreso, que, para ela, vén da españolización e, sobre todo, da europeización", pois a escritora considera que España precisa tamén modernizarse á imitación de Europa.

"Isto condiciona o seu feminimo proclamado", sinala García Negro que non oculta ningún texto de Pardo Bazán "mesmo os que retrata os duros traballos as mulleres do campo e do mar que suman ás fatigas do matrimonio e o coidado da prole", aínda, advirte, "isto non a leva a mudar a súa opinión" sobre o país galego. "Aí poño en contraste o discurso coa plasmación nas súas obras" para expresar que "os personaxes populares non posuidores de voz propia, senón tipos que cumpren a función de subliñar o atraso no que se moven".

A maiores, a profesora remarca que na obra da autora coruñesa Galicia ten "unha natureza tan exhuberante e absorbente que contaxia aos elementos humanos e impide o seu progreso, ao contrario da civilización, que está en España e en Europa".

No núcleo central do seu ensaio hai tamén un cuestionamento do feminismo de Emilia Pardo Bazán ao entender que era algo que "a ela lle conviña", pero que se opón aosfeminismos socialistas, masóns ou anarquistas do seu tempo.

Pilar García Negro coloca o espello de Rosalía de Castro fronte a Emilia Pardo Bazán porque, "compartindo clase social, Galiza e sexo feminino son a tese e a antítese na visión de futuro no século XIX" de Galicia e da muller.

A ensaísa sospeita que Pardo Bazán "empeza a definirse como feminista a partir da negativa á candidatura á Real Academia Española en 1899" a causa do seu xénero.

Compara o discurso da novelista galega coa súas obras para afirmar que "ese pensamento racional e feminista trasladado ás mulleres na obra é distinto" porque evita "poñer en dúbida as grandes verdades que para ela eran a Igrexa e a monarquía", é dicir, rexeita o pensamento a favor da muller se afecta a esas dúas institucións.

"O feminismo de Pardo Bazán non cuestiona a Igrexa e a monarquía"
Comentarios