"Farei un disco de lendas mitolóxicas e con instrumentos inventados para a ocasión"

Abraham Cupeiro, recoñecido hai pouco co premio Lucense del Año, segue a levar os sons de Pangea, o seu último disco, a países distantes, aínda que xa está a preparar novos traballos
Abraham cupeiro, cunha fujara, unha antiga frauta de harmónicos eslovaca. VÍCTOR FORMOSELLE
photo_camera Abraham cupeiro, cunha fujara, unha antiga frauta de harmónicos eslovaca. VÍCTOR FORMOSELLE

O músico Abraham Cupeiro non para, entre concerto e concerto traballa con compañías de cine e prepara dous discos.

Como recibiu a concesión do premio Lucense del Año?
Con moitísima ledicia. Ando polo mundo adiante e é moi bonito que se poñan en contacto contigo desde Suecia, Los Ángeles ou onde sexa para contar co teu traballo, pero tamén é moi fermoso que o que fas lle chegue á xente do teu arredor. Este periódico sempre me ten en conta e o maior premio é que se acorde de min constantemente. Quería compartir o premio coas persoas que sempre me axudan, a miña compañeira, María Ruiz, a Carlos Tallón, Lis Latas, Antonio Franco e Carlos Vázquez (Maní). E, sobre todo, aos meus pais, sempre tiven a súa confianza para ser músico.

Hai uns meses sacou Pangea. O público responde ben?
Si, este ano ao final imos volver facer 60-70 concertos por toda España, pero tamén noutros países, actuaremos no festival de Lorient coa Sinfónica de Bretaña, en Suecia..., por moitos sitios. Estamos cerrando concertos ata o 2023.

A pandemia non lle está afectando para os concertos?
Non, a verdade é que a resistimos bastante ben, entendemos que hai un traballo desde atrás e que ademais esta aposta de gravar coa Royal Philharmonic Orchestra en Abbey Road foi importante, pero tamén algo de sorte debemos estar tendo porque a verdade é que case todos os días hai un email novo para pedirnos un concerto. Tamén estamos traballando con compañías de cine sobre todo, acabamos de facelo con 14th Street Music, que é unha compañía de Los Ángeles de Hans Zimmer.

Son bandas sonoras para cine?
Si, pero ata que saia teño contrato de confidencialidade e non se pode dicir a película.

"Este ano volveremos a facer 60-70 concertos por toda España, e noutros países estamos cerrando actuacións ata 2023"

Haberá Pangea 2?
Non, non imos facer Pangea 2. Imos seguir metendo máis pezas dentro de Pangea e nuns anos gravaremos un DVD de Pangea. Este é un proxecto que vai seguir medrando porque hai partes do mundo que non tocamos, como Mongolia, India, Perú, Rumanía… e estamos incluíndoas no discurso de ‘Pangea’, pero non vai haber o disco Pangea 2.

En que outros proxectos anda?
Preparando os dous discos que imos sacar, un de música barroca. Será un percorrido polas músicas do século XVIII con instrumentos desa época. E despois estamos creando un proxecto bastante potente, vai ser como Pangea elevado ao cadrado, imos mesturar non só unha liña xeográfica como en ‘Pangea’ senón tamén unha liña atemporal, seguimos a buscar no pasado, nas historias dos pasado, pero cunha visión futurista. Por primeira vez vou tocar instrumentos que eu vou inventar para a ocasión.

Que tipo de instrumentos?
Crearanse ex profeso para dar voz ás lendas mitolóxicas que tivo a humanidade, lendas que deberán ser encarnadas con instrumentos que aínda non se crearon. Eses instrumentos tamén terán un significado simbólico paralelo a estas lendas, van ter unhas formas moi grandes, son instrumentos moi potentes visualmente e ao mesmo tempo tamén intentaremos cociñar sons que non estamos afeitos a escoitar, pero buscando unha visión máis futurista.

De cantos instrumentos fala?
Non sei, levarame dous ou tres anos, estamos niso. A ver se en dez meses gravamos o disco de barroco, tamén vai ser un traballo moi fermoso, quizais máis intimista, un pouco volvendo as miñas raíces académicas. E despois faremos este, será algo moi potente.

"Tes que saber chegar á xente nova, tes que curralo. Non é poñer aquí unha sinfonía, hai que explicala"

Comentou que no disco de barroco recuperá instrumentos da época.
Moitos deles estounos a construír, son instrumentos que podemos atopar nas actas capitulares das nosas catedrais. Imos coller instrumentos bizarros para esa época, moitos deles xa son bizarros no sentido de que son estraños de ver hoxe en día. Vai ser un disco de música clásica, pero buscando ese lado máis humano, máis pintoresco, ese lado, por así dicilo, oculto, que temos da música clásica. Van estar os tataravós dos instrumentos actuais, levamos feito desde hai seis ou sete anos un traballo de recompilación desas pezas, buscando por medio mundo esas pequenas xoias que existen e tamén imos tocar música de aquí, que temos dentro das catedrais. Hai un montón de papeis escritos con música que aínda non puidemos escoitar as xentes do auditorio do século XXI.

Con Pangea e a Real Filharmonía de Galicia gravou contidos didácticos para estudantes. É unha forma de acercarlles a música clásica?
Levamos aos rapaces de institutos de toda Galicia esas paisaxes sonoras do noso planeta nun momento no que non podemos viaxar. Recibo mensaxes dos cativos de que lles gustou e de profesores que din que non entenden como nesas idades, que son a veces un tanto complexas e convulsas, que os cativos están totalmente conectados co proxecto. É algo que me congratula porque sempre traballo os meus espectáculos pensando para esa franxa de idade, aínda que despois son, como se adoitaba ver nos xogos, de 3 a 99 anos. É importante que estemos pegados aos rapaces, non poñer unha barreira aí, dise agora que a xente nova non sabe divertirse, non, ti tes que saber chegar a eles, tes que ‘curralo’. Non é poñer aquí unha sinfonía, hai que explicala.

"Xa hai xente de todo o mundo que me escribe para falarme de instrumentos antigos"

Constrúe e recrea instrumentos antigos. Como chega a eles?
Desde hai moitos anos son un asiduo dos museos de todo o mundo onde hai instrumentos. Tamén chega un momento no que te metes neste mundo e xa hai xente de todo o mundo que che escribe para dicir que teñen un instrumento aí, estou falando con xente desde Baskiria, Turquía, América, Etiopía… Despois hai moitos instrumentos que están reflectidos por exemplo en iconografías pétreas. Tamén axuda coñecer parte da música académica, de como se foron desenvolvendo os instrumentos, e músicas étnicas. Así vas unindo e vas chegando a eles. Temos moitas fontes, non só partituras, iconografías, en textos… O que me pasa a min é que teño moita curiosidade, emocióname investigar sobre o pasado.

Cantos instrumentos pode ter?
Uns 200 e pico, non o sei.

Algún será o seu ollo dereito...
Si, o único instrumento que non é meu, a corna de Carlos Tallón que atopou en Sarria. Paréceme máxica, a persoa que fixo ese instrumento está clarísimo que fixo moitísimas máis. E despois o karnyx, que é o buque insignia, foi a chave que nos permitiu abrir moitas portas, de chegar a moitos sitios abrir a porta e dicir que teño algo novo, que non é só un obxecto, senón que tamén é algo que pode facer sons diferentes.

Comentarios