A familia de Darío Xohán Cabana pide que deixe de ser fillo adoptivo de Corcubión

Con iso, os achegados consideran que están a interpretar a vontade do autor
Dario Xohán Cabana. XESÚS PONTE (AEP)
photo_camera Dario Xohán Cabana. XESÚS PONTE (AEP)

A familia de Darío Xohán Cabana solicitou ao Concello de Corcubión que retire a distinción de fillo adoptivo ao escritor. Os achegados consideran estar interpretando a vontade do autor chairego, finado en decembro do ano pasado.

O pleno do concello coruñés atendera no pasado maio unha petición do grupo Sempre Corcubión, que foi apoiada polo BNG, o PP e Pacor considerando que exercera como policía municipal durante varios anos na vila e que lle dedicara poesías e relatos. O PSOE non considerou abondo o vínculo de Cabana con Corcubión polo que se abstivo. Este extremo podería ter incomodado aos achegados do escritor que nacera en Cospeito en 1952.

A revocación será sometida a votación no pleno municipal deste xoves. O voceiro de Sempre Corcubión, Alfredo González, aceptou que respectarán a vontade de familia. Reiterou o cariño que os veciños profesaban cara a Darío Xohán Cabana.

O acordo plenario incluía a colocación dunha placa no xardín da casa consistorial, así como xestiones editoriais para recuperar as obras que máis relación gardan con Corcubión: o libro de poemas Patria do mar e o volume de relatos Libro de moradores.

Comentarios