Fama tras unha vida no anonimato

A maioría da xente pasa desapercibida por este mundo, pero ás veces, cando xa se está a punto de asinar unha biografía sen pena nin gloria, aparece a oportunidade de escribir un capítulo que marca a diferenza

Benedicta Sánchez. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Benedicta Sánchez. VICTORIA RODRÍGUEZ

BENEDICTA SÁNCHEZ ten 83 anos e fíxose famosa a semana pasada, de golpe, por bailar unha muiñeira na alfombra vermella do Festival de Cine de Cannes. Podería ter saltado á fama moito antes se lle contase a súa vida a calquera guionista, pero non o fixo, e foi o director de cine Óliver Laxe quen a sacou do anonimato ao darlle protagonismo na película O que arde. O filme, o primeiro en galego proxectado no prestixioso festival francés, recibiu o premio do xurado no apartado Un Certain Regarde.

A muiñeira de Benedicta ante ducias de cámaras chegadas de medio mundo e mesmo a súa participación nunha película aos 83 anos son só anécdotas nunha intensa vida chea de aventuras e desventuras que darían para quilómetros de celuloide e moitas horas de conversa.

Á volta de Cannes, Benedicta segue "cavando e cortando silvas" arredor da súa casa no Corgo e aínda non é moi consciente de que un día eclipsou as estrelas. "Dixéronme que fora natural. A min as cámaras non me dan medo porque teño a conciencia tranquila e nada que ocultar. Os fotógrafos falaban en inglés e francés e mandábannos para aquí e para acolá. Eu berreilles: En galego! Non sei o que pasou, veume á cabeza esa canción de aquela vella das cacarrañadas e aló foi, bailei".

Máis alá da anécdota, a espontaneidade de Benedicta ten moito significado e marcou a súa vida.

En Cannes dicíanme para aquí e para acolá en inglés e francés e berreilles: En galego!

Facer cine e chegar a Cannes é para ela "unha experiencia como outras tantas da vida. Valoro moito esta oportunidade, traballar con Óliver Laxe e con todo o equipo foi fabuloso e se fora nova aproveitaríao de cheo, pero á miña idade a perspectiva cambia". Di que sente "reverencia pola arte", pero tamén que aínda non sabe como se embarcou "en semellante cousa con tanto sensacionalismo. Non é a causa pola que eu me desgarro".

E cal é a súa causa? Pois "que se respecte a natureza, que non se envelene máis a Terra, que a humanidade tome conciencia do mal que fan os plásticos, da inutilidade da guerra, que a xente non morra de fame nin afogada no mar".

Xa a súa nai lle dicía de nena que ese mundo co que soñaba non existía, pero a súa resposta era toda unha filosofía de vida: "Pois eu o teu mundo non o quero".

O seu camiño estivo marcado por esa loita por un mundo mellor, por unha vida en liberdade, pero aos 83 anos conclúe que "é difícil ser libre porque dun xeito ou doutro todo está condicionado".

O cine non é a causa pola que me desgarro. Dóenme a natureza, a fame, a xente que afoga

AS VOLTAS DA VIDA. Benedicta Sánchez era boa estudante, aínda que compaxinaba ese traballo co coidado das vacas e as ovellas da casa. Neses tempos de escola, o seu pai estivo dous anos no cárcere "por antisistema" e a súa nai sacounos adiante a ela e ao seu irmán. Como puido.

Encantáballe ler, "andaba detrás dos libros, sempre co nariz negro por arrimarme ao candil de gas ou á leña da lareira". Aos once anos devorou O Quixote e quedou fascinada. "Levei unha desilusión tremenda cando souben que era fantasía. Eu naquel tempo quería escribir a miña historia porque tamén tiña un burro".

A mestra de Morán de Abaixo, Elisa Polanco, recoñeceu os seus esforzos como estudante e levouna para a súa casa en Lugo, para que puidera completar os seus estudos. Estivo un curso alí, pero despois o pai mandouna para unha pensión, onde coñeceu ao que logo sería o seu home.

Casou aos 17 anos "cun rapaz de Pol que pensaba coma min" e aló se foi vivir. "Nós non queriamos casar, pero daquela para estar xuntos había que facelo. Se casabas nunha misa calquera non cobraban, así que fixémolo o día de Santiago ás sete da mañá. Estaba a igrexa chea de xente e creo que nin se deron conta de que había unha voda. Non foron nin a miña nai nin o meu irmán e o meu pai chegou cando xa saiamos porque veu en bicicleta. Fomos tomar algo a unha confitería e adiós que che vaia ben".

Non pode desvelar detalles da película, pero si conta que ela é a nai de Amador, un home que estivo no cárcere acusado de queimar o monte

Co seu home marchou aos 25 anos para Brasil e en Río de Janeiro traballou nunha casa, nun bar, nunha librería... pero a experiencia que máis a marcou foi a de fotógrafa. "Daquela eran todos homes e eu non quixen traballar para eles. Era autónoma e sobrábanme clientes", lembra orgullosa.

Aló separouse do seu home, tivo unha filla e voltou para España con ela. Valencia foi o seu destino durante un tempo e agora está asentada no Corgo. "Ando ás miñas cousas e axúdolle á miña filla no que poido", comenta.

Ela foi quen a animou para ir ao cásting de selección de actores que fixo Óliver Laxe en Navia de Suarna. "Díxome que buscaban unha muller duns 60 anos e eu pregunteille se toleara porque teño 83. Cando chegamos aló estaba cheo de xente, pero alguén lle debeu dicir ao director que alí había unha vella e mandoume pasar. Puxéronme a cámara e empezaron a interrogarme".

O resultado da experiencia verase axiña nas salas de cine, pero se a Benedicta lle gusta, será bo. "Impliqueime e esforceime porque onde arrimo o ombro gústame que funcione. Nos proxectos nos que participo quero ser un ladrillo que a aluminose non consiga converter en materia pocha".

Non pode desvelar detalles da película, pero si conta que ela é a nai de Amador, un home que estivo no cárcere acusado de queimar o monte. Como boa nai, deféndeo: "Non está claro que fora el. Acúsano, pero a verdade non se sabe. Cando sae do cárcere vén vivir comigo. Estou collendo cimos cando chega", conta unha muller que fai unha película coa mesma naturalidade que fai o caldo.

Comentarios