"En 'Mas futvol por fabor' falo de amor, soidade, morte; de cousas comúns"

Leandro Barea presentou en Lugo unha recompilación de ilustracións e viñetas que enfocará ás redes sociais

Leandro Barea cun exemplar de 'Mas futvol por fabor. J. VÁZQUEZ
photo_camera Leandro Barea cun exemplar de 'Mas futvol por fabor. J. VÁZQUEZ

O debuxante Leandro Barea (Lugo, 1974) presentou onte no Ho! Gruf Lugo o seu libro Mas futvol por favor, unha recompilación de viñetas e ilustracións humorísticas que fixo durante os últimos catro anos.

Ese período cadra o seu abandono do xornalismo diario para pasar a colaborar coa prensa por encarga; de debuxar acidamente sobre a actualidade política e social, a facelo amablemente sobre "amor, soidade, morte,... sobre cousas comúns que lle pasan a todo o mundo". "Son cousas que me chaman a atención, o día a día dunha persoa", conclúe.

Esa ralentización no seu ritmo de traballo conlevou un proceso inesperado de simplificación. "Os meus debuxos son máis naïf. Foron 14 anos en prensa e cansei de ser tan detallista", indica. As imaxes de Mas futvol por fabor "son moi sinxelas; saqueilles liñas e cores". O resultado é que "funcionan mellor nas redes sociais, que son o que importa agora".

Entre as pezas que se ven no libro non faltan individuos enfrontados ao colectivo, pero Barea insiste en que non fai "crítica social", aínda que logo admite que "depende do punto de vista". Recoñece que "hai algo de crítica social, pero non política. Non hai tanta actualidade porque quero que se poida entender dentro de dez anos".

O 700 exemplares do libro foron producidos grazas ao micromecenado e publicados por Demo Editorial e coas achegas das librarías Trama e Tótem. "Fixemos una edición de luxo, porque, ao estar todo colgado, quixemos que a xente tivese algo máis". Pedían 10.000 euros e pasaron de 12.000. "O libro custa 0,12 euros por páxina, pero, como se venden xuntas, custa 24,90 euros", conclúe.

Comentarios