sábado. 07.12.2019 |
El tiempo
sábado. 07.12.2019
El tiempo

"A cultura galega segue en pé"

Feijóo, cos galardoados nos Premios da Cultura Galega. XUNTA
Feijóo, cos galardoados nos Premios da Cultura Galega. XUNTA

Feijóo entregou os Premios da Cultura Galega 2017 a  Xohana Torres, Berta Álvarez Cáccamo, Mabel Rivera, Uxía Senlle, Oliver Laxe, o proxecto Apego, a Fundación Rosalía de Castro e Cristina Pato

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a cultura galega "non se detén no tempo porque avanza con forza cara ao futuro", nin "tampouco se detén no espazo porque consolida a súa proxección exterior". 

Na gala dos Premios da Cultura Galega 2017, Feijóo recoñeceu aos galardoados deste ano como mostra de que a "cultura galega segue en pé", "por unha razón moi sinxela, pero moi poderosa: porque hai galegos que elixen libremente, sen a menor ambigüidade, traballar por ela, conservala e enriquecela". 

A falecida Xohana Torres, Berta Álvarez Cáccamo, Mabel Rivera, Uxía Senlle, Oliver Laxe, o proxecto Apego, a Fundación Rosalía de Castro e Cristina Pato son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2017, nas modalidades de letras, artes plásticas, artes escénicas, música, audiovisual, lingua, patrimonio cultural e proxección exterior, respectivamente. 

Feijóo: "A cultura galega segue en pé por unha razón moi sinxela, pero moi poderosa: porque hai galegos que elixen libremente, sen a menor ambigüidade, traballar por ela, conservala e enriquecela"

Así, Feijóo sinalou que a "globalización cultural" galega permita estar en contacto con outras identidades. "A cultura é algo sempre actual, e tamén algo sempre actualizable. Detrás de cada libro, de cada obra plástica, de cada peza musical, de cada película, hai unha permanente recreación nós e o noso", afirmou. 

Así mesmo, durante o acto mostrouse "aberto" ás propostas e demandas do sector para elaborar da man a futura estratexia da cultura galega.

Xohana Torres, falecida este ano, foi un poeta, narradora e dramaturga cuxo percorrido literario comezou con Do sulco e proseguiu con obras como Estacións ao mar, Tempo de ría e Elexía a Lola.
 
Berta Álvarez Cáccamo licenciouse en belas artes en 1986, ano en que comezou a traxectoria expositiva da súa pintura, vinculada á corrente renovadora do grupo Atlántica. 

Actriz de ampla experiencia nas artes escénicas, Mabel Rivera iniciouse no mundo de teatro na década dos 60. Protagonizou unha das comedias de maior éxito da TVG (Pratos combinados) e o recoñecemento internacional chegoulle coa película Mar adentro de Alejandro Amenábar. 

A cantante Uxía Senlle comezou a súa carreira como solista e compositora gañando en 1985 o primeiro premio do festival de Bergantiños. Despois integrouse no grupo Na lúa e, entre outras iniciativas, impulsou o festival internacional da lusofonía Cantos na maré. 

A primeira longametraxe do cineasta Oliver Laxe, Todos vós sodes capitáns, foi gañador do Fipresci da quincena de realizadores de Cannes en 2010. Seis anos máis tarde estreou Mimosas, que lle valeu o gran premio da semana da crítica do festival francés. 

Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos entre 0 e 6 anos neste idioma. 

O Padroado Rosalía de Castro creouse en 1947 co fin de arranxar a Casa da Matanza, na que viviu Rosalía no final da súa vida. En 1995 converteuse na Fundación Rosalía de Castro, institución que fixo de cásaa-museo uno dos principais epicentros culturais de Galicia. 

Por último, Cristina Pato, gaiteira, pianista, produtora e educadora, dedicou boa parte da súa carreira ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a gaita galega. Actuou en grandes escenarios de todo o mundo e produciu oito discos, ademais de participar en numerosas gravacións como artista convidada. 

"A cultura galega segue en pé"
Comentarios