"Falando coa xente decateime da gran pegada da guerrilla en Galicia"

Manuel Gago é escritor e para escribir a súa novela O exército de fume levou a cabo unha ampla investigación que lle serviu para coñecer de preto a vida dos galegos que resistieron ao Franquismo dende os montes 
Manuel Gago.DP
photo_camera Manuel Gago.DP

Unha das historias máis coñecidas da resistencia galega na II Guerra Mundial é a das irmás Touza. Faltan aínda relatos por contar que non se coñezan?

Sobre as irmás Touza vai falar a miña compañeira de mesa, Eva Mejuto, que escribiu un libro sobre elas. Por resistencia imos entender a situación na que se combinan dous fenómenos: a fin da Guerra Civil e a II Guerra Mundial. Iso fai que en Galicia se combien moitas historias, como as accións de resistencia contra o réxime de Franco ou as redes de espionaxe e apoio loxístico ás potencias que estaban en guerra en Europa nese tempo. O fascinante é ver como se entrecruza a resistencia antifranquista cos apoios aos aliados dos nazis, sobre todo en zonas de costa.

A resistencia ao nazismo e ao franquismo son dous fenómenos que se poderían considerar un.

Si. Eu parto da teoría de que o primeiro capítulo da II Guerra Mundial foi a Guerra Civil española, por iso non tendo a velos como fenómenos illados. Nun primeiro momento a guerrilla antifranquista en Galicia foi apoiada polos británicos, que dalgunha forma participaron na súa formación. A guerrilla non naceu inmediatamente despois da vitoria de Franco. Logo, nos anos 40 a súa presenza é moi intensa en moitas partes do territorio, iso é algo que se nos esqueceu hoxe en día, sobre todo a importancia das súas redes de apoio fóra do monte. Están documentadas xudicialmente 5.000 persoas implicadas no apoio á guerrilla en Galicia, e son só as que constan a nivel xudicial, polo que habería moitas máis.

Había mulleres nestas redes?

O papel das mulleres é absolutamente fundamental. Ata hai relativamente poucos anos non sabiamos nada desta rede. Agora, grazas ao traballo de historiadoras como Aurora Marco, puidose recuperar o papel das redes de enlace, onde as mulleres xogan un papel fundamental. Neste vínculo ás veces hai unha relación familiar, sentimental, ideolóxica ou as tres cousas xuntas. Elas podían desprazarse con máis facilidades, sen sospeitas, aproveitando o estatus subordinado que tiña a muller, para conseguir apoios. Temos historias incribles e hai casos de mulleres que deron o paso de ser parte activa na guerrilla, participando nas accións directamente. Outra forma de resistencia era enfrontarse aos nazis na guerra. Había moitos galegos loitando? Houbo galegos na Nove, a brigada que entrou en París en primeiro lugar. Os galegos que participaron directamente nos combates de II Guerra Mundial son antigos republicanos que acaban en Francia e alí enrólanse nos exércitos coa esperanza de que a vitoria dos aliados sería tamén a fin de Franco, algo que non foi así. Tamén hai que dicir que, mentres estes galegos estaban loitando na guerra, o seu contacto coas redes galegas non existía, produciuse despois da II Guerra Mundial a través do Partido Comunista, con directrices. Pero durante a guerra poderíase dicir que os galegos antifascistas quedaron sós no monte, con apoios puntuais dos aliados e do Servizo de Operacións Especiais do Exército Británico.

É fácil acceder aos documentos e fontes sobre a participación de Galicia na II Guerra Mundial?

A miña aproximación non era tanto dende un punto de vista histórico, senón dende a memoria da xente, para escribir a novela ‘O exército de fume’. Lin moitos libros ao respecto e había un baleiro importante sobre o seu día a día, como traballaban... Nas causas xudiciais hai moita información, sobre todo en Ferrol. Pero fixen tamén moito traballo de campo, falando coa xente, e quedei sorprendido da cantidade de información e memoria que hai deles. A cultura contemporánea non lles prestou demasiada importancia, quizais porque a súa presenza é conflitiva, porque un guerrilleiro non é só alguén que sufre, senón alguén que tamén reacciona con violencia. Son historias incómodas. Pero falando coa xente decateime da gran pegada que tivo a guerrilla en Galicia e a súa aceptación popular. Foron esas conversas as que me deron unha idea tremendamente humana desas persoas.

"Moitas historias sobre guerrilleiros son xa lendas"

En que zonas da xeografía galega hai máis pegada da guerrilla?

Historicamente houbo zonas onde a guerrilla estivo moi presente. Atópase moita información no interior da provincia da Coruña, tamén na Costa da Morte. É moi importante a zona das Fragas do Eume porque a guerrilla alí mantívose ata os anos 50 e hai posibilidade de dar con máis fontes vivas. Por suposto, en determinadas zonas de montaña, como Casaio, Valdeorras ou Os Ancares, a memoria quedou fixada. Ademais, as persoas tiñan dous tipos de recordos sobre os guerrilleiros, por un lado o que seus pais lles contaran e, por outra parte, o seu propio recordo de velos algunha vez sendo nenos. Entón, por un lado teño as historias que contaban os pais, sobre accións, como traballaban, como se escondían... e por outro teño o recordo duns nenos que describen aos guerrilleiros como homes enormes, moi serios, que daban medo. Esa é a mirada dun neno, porque algúns deles tiñan sete ou oito anos daquela. Dalgunha forma, os guerrilleiros pasaron a ser memoria, polo que moitas veces as historias que me relataban as persoas coas que falaba parecían contos, formaban xa parte da tradición oral, das lendas. Iso foi algo que me fascinou e me fixo pensar moito sobre como funciona o mecanismo da memoria das persoas.

Eses recordos sobre os guerrilleiros do monte eran positivos ou negativos?

Había de todo. Polo xeral eran positivos, pero variaba en función das zonas. Hai lugares onde os guerrilleiros se mantiveron máis tempo e non conseguiron desenvolver redes de apoio popular, entón tiñan que practicar técnicas de extorsión que lles deron mala fama, non tanto ao principio da súa actividade, senón despois de aguantar uns dez anos en activo. Ao principio a xente apoiábaos moito porque o recordo da guerra estaba aínda fresco. Pero a vida seguiu e todo o mundo comezou a adaptarse á nova situació. Entón a súa presenza volveuse algo máis incómoda. Pero dalgunha forma a propaganda franquista non conseguiu facer demasiada mella. En termos xerais a mirada sobre eles era positiva, eran vistos como persoas que tiveron a valentía de manterse nunha loita.

Comentarios