Xosé Manuel Otero: "Fago as fotografías con luz natural e tratando de non molestar a ninguén"

O artista expón Con nome propio, 42 retratos de escritores, pintores e fotógrafos que traballan pola cultura galega no cambio de milenio
Xosé Manuel Otero, diante dun retrato que lle fixo a Paco Pestana. SEBAS SENANDE
photo_camera Xosé Manuel Otero, diante dun retrato que lle fixo a Paco Pestana. SEBAS SENANDE

O fotógrafo Xosé Manuel Otero (1955) convida aos modelos ao seus estudo de Chantada. O estudo parece unha adega de facer viño. Os modelos non deben posar durante un tempo que acabe por cansalos. Comen e beben mentres o artista quita as imaxes. O estudo non ten lámpadas nin banquetas que xiran para regular a altura. O estudo imita unha adega en Chantada porque é unha adega onde se elabora o viño Conde de Vidás. Otero réstalle empaque ao nome: "Conde de Vidás era o meu avó, que se apelidaba Conde e era de Vidás".

Dese espazo proceden uns cantos dos 42 retratos da colección Con nome propio, que se expón dende onte no Museo Provincial de Lugo, no que se manterá ata o día 30 de xullo. Empezou a serie cando o calendario deu a volta ao novo milenio. "Quixen facer retratos dos escritores, pintores e fotógrafos que están traballando pola cultura galega", pero engadiu un  mago, Antón, e unha muller que fai ilusionismo coas vides. "Esther Pincelo foi a primeira muller da denominación Ribeira Sacra e en facer viño ecolóxico". Coñecense de toda a vida, pero hai unha imaxe na que adianta pon unha man entre a cara e o obxectivo que foi a escollida. "Supoño que non quería que lla fixese". Pasoulle o mesmo co presidente da RAG, Vítor Freixanes, "pero acabou por gustarme o xesto que lle quedou".

Xosé Manuel Otero está ao borde do medio século como fotógrafo. "Empecei con 15 anos, coa primeira extra que me pagaron en Sanal, e agora teño 64". Comprou unha Werlisa Color. De color tiña o nome. "Sempre fixen as fotografías en branco e negro, e usando luz natural. Se uso flash xa non sae a luz que estou vendo". A terceira norma é "pasar desapercibido". Por iso convida os retratados á casa do Conde de Vidás.

Estivo tentado a ser profesional –"tiña  un entrechán de 85 metros cadrados"–, pero preferiu seguir divertíndose. Así retratou a Isaac Díaz Pardo e a Neira Vilas, así quitou fotos, a Luis Tosar ou a Antón Reixa, a Darío Xohán Cabana e a Carlos Valcárcel; tamén a Paco Pestana. Todos sorriron para el sen que llelo pedise.

A Werlisa tamén quedou na Ribeira Sacra. "Esqueceina nun autobús e non volvín saber dela".

Comentarios