O Facela Fest fixo vibrar Lugo cunha edición que bateu récord de asistencia

Vendéronse máis dun milleiro de entradas nun festival que trouxo á cidade bandas de renome internacional coma The Wedding Present
Un momento dunha actuación na xornada do sábado do Facela Fest. XESÚS PONTE
photo_camera Un momento dunha actuación na xornada do sábado do Facela Fest. XESÚS PONTE

A cidade das murallas vibrou coma nunca durante tres días coa celebración da sexta edición do Facela Fest. Desde xoves e ata onte pasaron polos escenarios do festival de música independente made in Lugo unha quincena de agrupacións que encheron o exterior do Auditorio Gustavo Freire.

Máis dun milleiro de persoas chegadas de todos os puntos de Galicia quixeron achegarse a esta festa que xa está totalmente consolidada no calendario lucense.

"Estamos moi satisfeitos coa boa acollida que volveu ter este ano o Facela Fest, a xente estaba moi animada e iso motívanos para seguir traballando", valoraba este Celestino Muinelo, organizador do evento que arrincou o xoves cun doble concerto no Clavicémbalo.

Dúas das actuacións máis esperadas esta edición subiron ao escenario na noite do venres: The Wedding Present e Wave Pictures, dúas bandas británicas da escena independente que fixeron a súa única parada en España no festival lucense. "A xente estaba entusiasmada e os artistas quedaron sorprendidos da cantidade de discos que se venderon alí", precisou Muinelo.

O sábado o festival arrincou xa pola mañá cunha sesión vermú gratuíta que ía celebrarse na Praza da Milagrosa, pero os organizadores tiveron que trasladala á contorna do auditorio por mor do tempo. Non obstante, a pesar da choiva a xente non quixo perderse as actuacións de Eigreen e Pepe Prieto Pinchadiscos.

Xa pola noite pasaron polo escenario principal do festival Los Punsetes, Triángulo de Amor Bizarro, Lie Detectors, Filophóbicas, Hinds, Bang74 e pechou a edición a actuación de Pepe Prieto Pinchadiscos. A contorna do Gustavo Freire encheuse ata ben entrada a madrugada, e a pesar da tormenta, dunha lexión de seguidores dos sons máis alternativos da escena local e internacional. "Podemos dicir que esta edición contamos cun cartel do máis variado para padais exquisitos, onde a presenza feminina é case da metade, cunha forte presenza galega e con nomes de bandas que doutro xeito dificilmente tocarían na nosa cidade", recalcou Celestino Muinelo, quen botou a vista atrás aos primeiros anos do festival.

"Arrincamos dun xeito modesto, pero con moitísima ilusión, e durante estes anos fomos captando público que agora xa fiel a esta cita. Temos moitos seguidores que repiten ano tras ano e iso é moi emocionante", confesou o organizador, que fixo fincapé en que esta edición "viviu un récord de asistencia", con máis do dobre de público que o ano pasado —cando se organizou un ciclo reducido por mor da pandemia—, pero tamén coa maior venda de entradas de todas as edicións.

Comentarios