Ramón Villares

"Hai unha unión informal entre España e Portugal que hai cen anos non se vía"

En tempos nos que o procés catalán volve acaparar a axenda política, o historiador xermadés Ramón Villares vén de sacar o libro ‘Repensar Iberia’, no que o catedrático e exreitor da USC fai unha análise sobre os nacionalismos, a formación dos estados portugués e español, a teoría do iberismo peninsular do século XIX e os retos do horizonte marcado pola Unión Europea.
G
photo_camera Ramón Villares. PEPE FERRÍN

Ramón Villares rescata o concepto do iberismo no libro Repensar Iberia. Del iberismo peninsular al horizonte europeo, editado por Pasado & Presente, para facer unha análise histórica das relacións políticas, culturais e sociais entre España e Portugal.

Un estudo que vai desde as primeiras teorías de unión política e cultural do século XIX ata as alianzas dos réximes dictatoriais de Salazar e Franco do século XX e a aposta europeísta de ambos estados xa agora no século XXI.

Agora que están os nacionalismos na axenda política española, co tema do procés catalán e da lei de amnistía, vén a conto retomar a proposta do iberismo?
O iberismo en si non tivo que ver cos nacionalismos senón co federalismo como organización política. No século XIX xurdiu a idea da unión da península Ibérica como pasou coa formación dos estados de Italia ou Alemaña, pero isto non foi adiante e foise transformando noutra cousa e xurdiu o iberismo tripartito formado por Cataluña e Portugal con Galicia como unha alternativa á composición da península Ibérica e unha fachada atlántica que delimitaba o peso de Castela.

Sería moi utópico propoñer unha unión de España e Portugal?
Para os portugueses, non resulta moi agradable o termo de Iberia porque os fai quedar fóra. A curto prazo, non o vexo posible. Si vexo posible un iberismo de proxectos comúns para teren máis peso na Unión Europea ambos estados e evitar, ademais, leas de carácter peninsular. Iso é o que se está a facer con políticas comúns sobre a enerxía e o aproveitamento de recursos hídricos. Co ingreso na UE, houbo unha perspectiva de integración real da poboación a nivel comercial e humano.

Pero pódese falar de iberismo cando non hai aínda unha rede de comunicacións boa entre ambos os dous países?
Faltan instrumentos que fomenten a integración como unha mellor rede de transportes pero agora as fronteiras non existen. A dinámica das relacións humanas entre ambos países cada vez é máis activa. Cando España e Portugal entraron na Comunidade Económica Europea, en 1986, só había unha ponte entre Galicia e Portugal (a que unía Valença e Tui) e outra pequeniña en Melgaço. Hoxe hai cinco pontes grandes e máis de 15.000 persoas cruzan diariamente as fronteiras. E tamén hai empresas con sede en Portugal e en Galicia.

Non obstante, aínda non se ensina o portugués como segunda lingua estranxeira na maioría dos institutos de Galicia...
Non está como o inglés, pero si como o francés. De todos os xeitos, as linguas románicas poden ser entendidas. Os galegos temos que ser proactivos e, aínda que non falemos un portugués perfecto, somos capaces de entendernos cos portugueses. Todo isto son, ao final, bloqueos mentais que temos que superar.

Antes falamos da utopía dun Estado unificado entre España e Portugal pero tamén sería irreal, a tempos de hoxe, un Estado galaico portugués, non cre?
Eu non o vexo aínda, non sei se no futuro ese Estado podería existir. A nosa estratexia debe ser fomentar as relacións con Portugal. Hai unha distancia moi grande entre a arquitectura política de Galicia e a do norte de Portugal. Pero esta é unha zona que abrangue máis de seis millóns e medio de habitantes en 60.000 metros cadrados. Se ves unha imaxe nocturna de satélite de Europa, comprobarás que hai un foco de luz de Ferrol a Lisboa como hai outro de Girona a Alacante. Polo tanto, hai un Corredor Atlántico igual que hai un Eixo Mediterráneo. E hai, polo tanto, unha certa unión informal que hai cen anos non había. Así que eu non empezaría a casa polo tellado. Empezaría por cooperar e facer proxectos en común.

"O de ‘España se rompe’ é un mantra para incitar as masas e é perigoso que se invoque isto"

Ten sentido loitar polos nacionalismos cando o que pretende a UE é a confluencia de estados?
Esa é unha boa reflexión para os nacionalismos. Un referéndum tipo Escocia non é a norma en Europa. Nestes tempos, perden importancia os estados-nación e colle forza a idea de Europa.

Pensa que España pode romper?
Ese é un mantra para incitar as masas. Nin sei tampouco se España se mantivo moi unida! É perigoso invocar isto nunha situación histórica onde hai que cultivar diferenzas, coas que se pode vivir tamén. Agora a situación parece que volve ao seu cauce orixinal en Cataluña pero, realmente, hai moita angustia nacional.

Fala da irmandade de Cataluña e Portugal. Foi para unir forzas contra Castela ou houbo algo máis?
A irmandade entre Cataluña e Portugal fundouse nas revoltas de 1640, ano no que Portugal se rebelou contra a Monarquía Hispánica pola restauración da dinastía lusa e os cataláns rebeláronse contra a hexemonía de Castela. Isto resolveuse facendo a monarquía española un esforzo para conservar Cataluña mentres que Portugal recuperou a independencia e conseguiu manter as colonias. Foi unha irmandade psicolóxica, non estratéxica. Desde aquela, houbo sempre unha predilección do nacionalismo catalán por achegarse a Portugal. E, no país luso, houbo un interese por saber o que pasaba en Cataluña, máis que simpatía polo movemento independentista e polo referéndum.