Marisa Vidal: "Exeria é primeira autora de quen se conservan textos na Hispania"

A autora presentou en Lugo unha crónica sobre a viaxe que fixo unha muller dende a Gallaecia a Xerusalén no século IV
Un momento da presentación do libro 'Eu son Exeria', este mércores no Vello Cárcere. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Un momento da presentación do libro 'Eu son Exeria', este mércores no Vello Cárcere. VICTORIA RODRÍGUEZ

Marisa Vidal (Corme, 1966)  deu a coñecer este mércores o seu libro Eu son Exeria (Galaxia), no que relata a viaxe de Exeria, unha muller do século IV, dende a Gallaecia e durante tres anos a Xerusalén, Exipto e Siria. O punto de partida non se fixou e o ano da marcha figura entre o 381 e o 385. Hai un grupo de amigas que sustentan a viaxe e Erexia escribe unha crónica para elas, Itinerarium ad Loca Santa. Paralelamente, 17 séculos máis tarde, Marisa Vidal explica quen foi esta viaxeira "porque van poñer unha praza na súa honra en Santiago".

A autora contemporánea supón que a cronista era unha muller nobre, rica e culta. "Levaba unha folla de ruta que parece preparada en grupo, aínda que se salta" ese itinerario "ás veces. Non é unha viaxe casual ou unha arroutada".

"A Gallaecia chegaba daquela ata Segovia e Porto, pero puido saír do Bierzo ou da Ribeira Sacra. Non o sabemos porque faltan o principio e o final do códice".

Exeria camiña a Xerusalén nun tempo de cambio, "cando o cristianismo era unha relixión legal e case obrigatoria" no Imperio Romano. Na cidade vai rexistrando "os primeiros eremitas —masculinos e femininos—, os primeiros mosteiros e as primeiras liturxias" locais. "Estivo un ano enteiro porque recolle toda a liturxia, incluíndo o Nadal ou a Pascua". A súa concreción é tal que hai unha guía da terra santa cristiá feita por unha persoa que nunca a visitou baseándose no Itinerarium.

A viaxe lévaa a Alexandría e ao Sinaí, e mesmo trata de chegar á cidade de Ur, de onde era Moisés. "Pero non lle permiten pasar do límite do Imperio Romano porque non lle poden garantir a seguridade", indica a ensaísta. Engade que a visión de Exeria procura a obxetividade. "Vai na busca da estela de Lot, non a atopa e cóntao. Non é mística", remarca.

O libro de Vidal leva por subtítulo Lectura feminista dunha viaxe no século IV. Marisa Vidal considera que se precisaba esa lente "porque os estudos que hai sobre ela foron feitos por homes e nótase". Seguindo nesa idea, apunta a importancia de que Exeria sexa "a primeira escritora da Hispania da que se conservan textos". A maiores, o seu interese atópase en que o Itinerarium posibilita que nos fagamos unha idea nídia de Xerusalén nas últimas décadas do século IV.

Comentarios