Amigos de Fraguas impulsan iniciativas para dar a coñecer o seu paso por Lugo 

O proxecto está composto por un libro con artigos sobre o tempo que o escritor pasou na cidade, unha exposición no IES Lucus Augusti e unha web que recolle todos os contidos

Antonio Fraguas, o autor protagonista este ano nas Letras Galegas, exerceu como profesor durante case unha década na cidade de Lugo. Agora, exalumnos e amigos do investigador de Cotobade impulsaron un proxecto-homenaxe á súa memoria co que queren lembrar o paso do escritor pola cidade das murallas. 

Todo iso orixinouse a partir da iniciativa do Colectivo Egeria (co apoio da Xunta), no que participan exalumnos do profesor como Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, o historiador Antonio Prado e Manuel Regueiro, exdirector xeral de Política Lingüística. 

O acto de presentación contou coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, ademais do propio Manuel Regueiro, o director do IES Lucus Augusti, Carlos Cazón, e o director de Galicia Dixital Antonio Xiz. 

O proxecto Os nove anos de Fraguas en Lugo está composto por tres materiais, o primeiro deles un libro co mesmo nome con artigos e textos realizados por amigos e antigos alumnos do docente sobre os tempos que pasou na cidade de Lugo e ao profunda pegada que deixou neles e na sociedade. 

Así mesmo, haberá unha exposición conformada por 12 paneis nos que se resume o contido do libro, que percorrerá Galicia tras permanecer unhas semanas no IES Lucus Augusti. Finalmente, a web fraguasenlugo.org recollerá todos os contidos da publicación en papel. 

A propia presentación deste proxecto supuxo unha homenaxe ao autor de Cotobade, dado que se renombrou ao arquivo e biblioteca histórica do instituto como 'Antonio Fraguas' e fíxoselle entrega ao centro dun cadro realizado polo pintor Manuel Romero. 

Valentín García destacou que todas aquelas persoas "que tiveron a fortuna de recibir o seu maxisterio" antepoñen o recordo "da súa extraordinaria capacidade e vocación para a docencia" e, sobre todo, "na pegada que deixou neles este magnífico profesor", en moitos casos "responsable do espertar no alumnado e compañeiros do interese e o amor por Galicia". 
 

Comentarios