martes. 07.07.2020 |
El tiempo
martes. 07.07.2020
El tiempo

Exaltada "a creatividade" na entrega dos premios de Historias detrás das Ventás

Montserrat González, Adela Figueroa, Maite Ferreiro, Xosé Otero, Francisco Vázquez, Alfonso Riveiro e Santiago Jaureguizar. XESÚS PONTE
Montserrat González, Adela Figueroa, Maite Ferreiro, Xosé Otero, Francisco Vázquez, Alfonso Riveiro e Santiago Jaureguizar. XESÚS PONTE
El Progreso e a Deputación concederon en Lugo os galardóns do certame no que participaron autores con máis dun cento de obras

A vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, Maite Ferreiro, e o director de El Progreso, Alfonso Riveiro, coincidiron este martes en salientar o convencemento de que "hai unha gran creatividade e talento" na sociedade. Ese factor animou ao diario a organizar o certame literario Historias detrás das Ventás, ao que se sumou a Área provincial de Cultura.

"Valorámolo como unha boa fórmula para fomentar a creación e a lectura en galego, e tamén para reforzar a presenza da lingua nos medios de comunicación, unha plataforma moi poderosa para a normalización na que aínda temos espazo para avanzar", segundo afirmou Ferreiro.

O convencemento plasmouse nas 106 obras que concorreron ao concurso —49 en narrativa e 57 en poesía—. A resposta foi avaliada pola vicepresidenta, quen considerou que foi "unha cifra importante tendo en conta que se trataba da primeira edición".

Os gañadores recibiron este martes os seus recoñecementos coa excepción de Lola Rivas, vencedora no apartado de relatos con Bombóns xemelgos, quen non puido desprazarse a Lugo por mor das medidas sanitarias que provocou o Covid-19. No acto estivo Francisco Vázquez, finalista coa narración A escolla. Asemade acudiron Xosé Otero Canto, que se impuxo en poesía con Estrela agónica, e Adela Figueroa, que chegou á final co poema Oda á(o) coroa.

Concorreron ao concurso 106 obras, 49 en narrativa e 57 en poesía

Alfonso Riveiro non esquivou as consecuencias negativas da pandemia, pero preferiu enxalzar as positivas "como a solidariedade, a creatividade e o talento".

O escritor e redactor de El Progreso Santiago Jaureguizar falou en nome do xurado, que completaban o subdirector do xornal Tito Diéguez e a representante da Área de Cultura Montserrat González.

Jaureguizar citou grandes novelas que son froitos de confinamentos. Tanto indirectas, como El Quijote de Cervantes, como voluntarias, como o encamamento de dez anos de Proust do que saíu Á procura do tempo perdido.

A respecto dos autores premiados recalcou os gañadores de poesía son "dous clásicos" nos concursos líricos e comentou os relatos gañadores.

Os promotores da iniciativa salientan que existe "unha gran creatividade e talento" na sociedade

O poema de Otero Canto ten unha base de "reivindicación social", en opinión do xurado. O autor agradeceu a iniciativa de El Progreso, un diario do que é lector persistente, e que considera seu nos aspectos informativo e sentimental.

A emoción aflorou en Adela Figueroa cando lembrou á profesora Araceli Herrero, quen se atopa nun momento difícil pola súa saúde. "Araceli estaría aquí aprobando que se fagan cousas coma esta", subliñou. Os versos de Figueroa eran, precisamente, unha chamada de ánimo para sobrepoñerse aos atrancos da vida.

Santiago Jaureguizar comentou que o xurado de Historias detrás das Ventás considerou a habelencia no "manexo da intriga" do finalista na categoría de relato, Francisco Vázquez. O autor confesou que o certame lle axudou a refrescar o seu galego diante da necesidade de escribir A escolla. Fixo unha vindicación dos xornais en papel. O xesto foi valorado polos asistentes ao acto ao proceder dun experto en novas tecnoloxías.

Carballo Calero | "Contribuímos a facer país"
A figura intelectual de Ricardo Carballo Calero trascendeu na entrega de premios. Maite Ferreiro acolleuse á súa frase "a historia do idioma galego é a historia mesma de Galiza" para argumentar que "dalgunha maneira, con actividades coma esta, estamos contribuíndo a prolongar a historia do galego e a facer país".

Letras Galegas
A vicepresidenta sumouse á petición de Adela Figueroa de que o ano dedicado a Carballo se prolongue a 2021.

Exaltada "a creatividade" na entrega dos premios de Historias...
Comentarios