sábado. 26.09.2020 |
El tiempo
sábado. 26.09.2020
El tiempo

PROGRAMA

A exaltación máis doce chega aos 25 anos

A festa do Melindre de Melide Cumpre esta fin de semana un cuarto de século e festéxao con repostaría, artesanía e moita música

MELIDE vístese de gala e acollerá durante esta fin de semana a festa máis doce de Galicia, a Festa do Melindre e da Repostaría da Terra de Melide, declarada de interese turístico no ano 2013 e que chega xa a súa vixésimo quinta edición. Luis Arias, o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, indicou que co gallo da «celebración do vixésimo quinto aniversario da festa», o programa de actos desenvolverase durante dous días, a diferencia doutros anos nos que o evento só era na xornada do domingo. «A intención é que a festa do melindre continúe no tempo celebrándose durante dous días, coincidindo coa segunda fin de semana de maio», indicou. Así, durante esta fin de semana Melide renderá homenaxe aos seus doces máis tradicionais, os melindres, ricos e amendoados. A Praza do Convento de Melide acollerá 25 postos de degustación e venda de doces e licores, destacados polo seu traballo artesanal e pola calidade dos seus produtos. Como novidade, nesta edición tamén estará presente Artesanía de Galicia, que participará na festa cunha mini feira de artesanía, así que ademais dos doces se poderán probar e comprar produtos moi variados. A festa acompáñase dun completo programa que comezará o sábado ás 17.00 horas coa apertura dos expositores. As actividades inclúen un ‘showcooking’ na Praza do Convento a cargo do chef Xoan Crujeiras, do Restaurante La Estación —pertencente ao Grupo Nove e distinguido cunha Estrella Michelín—, quen integrará os doces tradicionais en distintas elaboracións. O encargado de pronunciar o pregón ás 12.00 horas na Praza do Convento será Rafa Durán, presentador e guionista do programa ‘Máis Galego’ e de diversos eventos relacionados coa gastronomía, grazas á súa formación en restauración en restaurantes como o de Martín Berasategui, en San Sebastián.

Rafa Durán estará acompañado doutra xornalista, María Belén Baños Riádigos, presentadora do Telexornal Galicia Noticias, con ascendencia melidá e que será a encargada de conducir a cerimonia de entrega de diplomas aos embaixadores do Melindre e da Repostaría Tradicional. Serán nomeados embaixadores e embaixadoras da XXV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide Cecilia Vázquez Suárez, directora xeral de xuventude da Xunta de Galicia; Juan Gil de Araujo González de Careaga, presidente do CRDO Rías Baixas; Xurde Morán, escritor e xornalista; Ánxeles Vázquez Mejuto, conselleira de Medio Rural; o club de fútbol Cire de Melide; Almudena Villegas, escritora e historiadora (Premio Nacional de Investigación en Gastronomía); Cristino Álvarez, crítico gastronómico; Xoan Crujeiras, chef no Restaurante La Estación, e Fernando Romay Pereiro, ex xogador de baloncesto.

CONCERTOS. Como novidade os concertos concentraranse todos na Praza do Convento, centralizando así todas as actividades da festa na súa contorna. Segundo indicou a alcaldesa de Melide, Dalia García, «neste 25 aniversario da festa quíxoselle dar un aire máis local», e de aí que se faiga partícipes do evento a dous grupos de música tradicional melidense: Terça Feira (o sábado) e Melidaos (o domingo), coa participación tamén de Froito Novo na animación de rúa». Dalia García sinalou que o programa de actos e actividades: «vai dirixido a todos os públicos e agardo que sexa do agrado de todos». A rexedora tamén agradeceu o labor dos «embaixadores e embaixadoras que fan que os doces tradicionais de Melide saian da nosa contorna e viaxen polo mundo con eles, xa que alá donde van aproveitan para promocionalos». García amosouse «segura» de que «van cumprir coa súa responsabilidade na promoción da nosa festa e da nosa repostaría tradicional».

A exaltación máis doce chega aos 25 anos
Comentarios