Eu non gosto do folk

Un dia ocorréuseme dicir que non gustaba da gaita. Tiven a sensación de ter cometido un acto de herexía coma se negase o holocausto nazi ou aplaudira os atentados do 11-S. E digo eu, son menos galego polo feito de non gustar do noso folk? É realmente indispensábel para formar parte da intelectualidade do país abrazar os preceptos da cultura popular (entendo como tal o tradicionalismo)? Supoño que gustar de músicas máis contemporáneas e triviais é un hándicap para entrar no olimpo das elites da sabedoría .

Teño que recoñecer que adoro a vertente máis hedonista e consumista do pop actual mas iso non me converte nun individuo sen conciencia ideolóxica nin sociocultural. Entendo que as tradicións son fundamentais no crecemento das sociedades nos tempos en que a información global eclipsa calquera desexo conservador do propio.

Porén reflexionemos: alguén pensa que é necesario regresar aos tempos das pallozas? A seguro que moi poucos serían capaces de renunciar ao seu coche con ar acondicionado a cambio dun fermoso carro do país a tracción animal. Quen dos moitos que perseguides o status de beleza corporal renacentista renunciariades á vosa dieta mediterránea para somerxervos día si e día tamén na orxiástica esmorga cargada de colesterol típica dos dias de matanza? Creo que xa non é necesario que nomee as zocas a cambio das flamantes “all star”, nin as polainas no sitio dos pantalóns vaqueiros que tan ben fan lucir o cu.

Por que temos que renunciar á evolución no musical? Estanse facendo moitos esforzos desde diversos vértices do mundo folk coa intención de crear pontes que unan tradición e modernidade mas seguimos a anos luz ao respecto de outros países no desenrolo deses espazos de fusión entre os diversos xéneros.

Cando falo de fusión non estou incitando á mistura de Pondal e Niña Pastori senón a una revolución interna nos diversos estamentos sociais, industriais e tamén políticos á hora de abrir as portas do Olimpo intelectual a todos os que queremos facer cultura contemporánea desde a visión galega sen ter que caer nos tópicos do enxebrismo mais rancio. Todos temos moito que aportar mas as chaves están nos petos dalgúns que aínda amosan reticencias a todo aquilo que supoña apartarse da “auténtica” cultura do país.

Comentarios