"Estudo xaponés, corro e toco a mandolina para comunicarme"

A escritora de Begonte Raquel Vázquez gañou o premio Loewe a la Creación Joven por un poemario que "cataloga os espazos"
Raquel Vazquez. ARCHIVO
photo_camera Raquel Vazquez. ARCHIVO

Raquel Vázquez (Begonte, 1990) "cataloga espazos" no seu último poemario, Aunque los mapas. A poeta debería catalogar galardóns porque, con 29 anos, xa leva uns cantos nunha carreira acelerada onte co premio Loewe a la Creación Joven, dotado con 8.000 euros, por esa obra. Será publicada por Visor.

"Interésanme as coordenadas do espazo e do tempo", indica a escritora, que nos versos premiados fala de "espazos dislocados, nos que están persoas que se atopan fóra dos sitios; espazos probables, onde pode que vaian, e espazos utópicos".

Os espazos de Raquel Vázquez non están dislocados, son lugares nos que se sente a gusto. Medrou en Betanzos e está encantada. "Son a primeira defensora da tortilla", bromea. "Sen cebola; a de Betanzos é sen cebola, así que sen cebola". E Begonte, tamén. "Iamos cada fin de semana, en vacacións", polo que tamén se sente de alí.

"Estudei informática para coñecer o que nos rodea pero, incluso para os informáticos todo vai moi rápido"

Estaba onte no aeroporto de Madrid. "De volta á casa". Estudou Filoloxía Hispánica, "pero a saída é a docencia" e non lle apetecía. Afrontou unha enxeñería informática "para coñecer o que nos rodea; pero, incluso para informáticos, todo evoluciona moi rápido".

Agora traballa nunha empresa en asuntos relacionados co Big Data en Betanzos. "A informática baséase na acumulación de datos, na sobreinformación, pero non damos atopado o que realmente nos importa".

Raquel Vázquez ten catalogado o seu tempo porque traballa, escribe, le, toca a mandolina e asiste a clases de canto.

"Os meus relatos profundizan na incomunicación, nas barreiras que nos poñemos"

O tempo para a mandolina desenvólveo na Agrupación Musical de Pulso y Púa Carlos Seijo da localidade coruñesa. A maiores toca a guitarra e o piano, e estuda canto. "Compoño, polo que ter coñecemento de canto me axuda".

Os días da poeta aínda reservan horas para adestrar e participar en carreiras populares como integrante do club de atletismo betanceiro.

Aínda está tratando de recuperar os estudos de xaponés, que cursou durante tres anos. "É un idioma que non podes deixar de practicar porque o perdes". A atracción pola lingua oriental naceulle da "infancia con Doraemon e os videoxogos de Pokemon" e mantívose con lecturas de "haikus, Soseki e Kawabata". Estivo dúas veces en Xapón. Visitou Toquio, Kioto e a península de Kii, "polo camiño de Kumano Kodo", semellante ao de Santiago.

Coñeceu un país asentado no Big Data. "É unha sociedade bipolar, tecnoloxicamente moi avanzada, pero cunha mentalidade medieval e machista. A puntualidade é exquisita. Botan moitas horas na empresa e, a cambio, permanecen toda a vida laboral nela. Sorprendeume a pobreza que vía en xente que traballa, pero non pode pagar a casa".

Ese tipo de sociedade, envolta na distopía, aparece nos relatos de "Chomolangma", un libro de relatos de persoas afectadas "polas arquitecturas, polos espazos" sobre os que volve en "Aunque los mapas". Sobre esa idea de "persoas afastadas que comparten cousas" fala tamén no volume de contos Paralelo 36, onde "profundiza na incomunicación, nas barreiras que nos poñemos".

A soidade está na base de toda a obra de Raquel Vázquez. "Estudo xaponés, corro en carreiras populares e toco a mandolina para comunicarme cos outros", algo que lle importa aínda que os mapas persoais nos afasten.

Comentarios