"Estou orgullosa da peli, de Jaione, do equipo... sinto orgullo galego!"

Tranquilidade, calidez e confianza, iso é o que transmite a voz de Nuria Lestegás, unha violinista que compaxina as clases na Escola Municipal de Música de Foz con rodaxes en películas como O corno, Cuncha de Ouro en Donostia, e na que interpreta un dos papeis principais.
Nuria Lestegás, no seu papel de Mabel. MARIO LLORCA
photo_camera Nuria Lestegás, no seu papel de Mabel. MARIO LLORCA

Quere dicilo ben alto, Nuria Lestegás séntese afortunada, agradecida e orgullosa por ter participado na película O corno, de Jaione Camborda, galardoada coa Cuncha de Ouro no Festival de Cine de San Sebastián. Nuria Lestegás –natural de Xove– encarna nese filme o papel de Mabel, un dos principais xunto co da protagonista, interpretada por Janet Novás.

Un papel que fixo nos tempos que lle deixaba libre o seu traballo como profesora de Violín na Escola de Música de Foz. Porque Nuria Lestegás, antes de ser actriz, tamén foi violinista na Orquestra de Xove, na Xove Orquestra de Galicia, na Vigo 430 e na Filharmónica de Pontevedra.

Contenta, despois deste triunfo de O corno na última edición do  festival de San Sebastián?
Moi contenta, feliz. Coñecía o traballo de Jaione e xa sabía que era unha magnífica cineasta. Así que levei unha grande alegría cando me comunicaron que participaría no filme. Despois, volvín a sentir ledicia cando me dixeron que iba á sección oficial do festival, que non é fácil chegar aí. Así que o premio, a Cuncha de Ouro, foi a guinda de todo o proceso. Teño unha alegría inmensa e estou desexando xuntarme co resto do equipo. Ata agora non quedamos aínda para celebralo porque fomos ao festival pero antes da entrega do premio e mañá [por hoxe] farémolo despois da estrea en Compostela. Así que, resumindo, sinto unha alegría moi grande e orgullo: estou orgullosa da peli, de Jaione, do equipo... sinto orgullo galego!

Ademais de actriz, é violinista e profesora de música en Foz. É doado acceder a papeis importantes no cine desde A Mariña?
Non o é. Este papel tiven ver de encaixalo coa distancia para facer as probas, o cásting, as rodaxes, os ensaios. Antes do covid vivía en Santiago e recomecei na Mariña na pandemia. En Compostela, foi onde empecei con todo isto a raíz dun encontro que tiven co teatro, primeiro na compañía Teatro do Pichel e tamén na escola de teatro da USC. Aí foi onde descubrín o que me gustaba a interpretación.

Decidida xa, despois da Cuncha de Ouro, a dedicarse por completo ao mundiño do cine?
Decidida xa estaba antes! Pero, bueno, espero seguir abrindo camiño neste mundo. Ata agora, nos filmes nos que participei –Longa noite, Eles transportan a morte e O corno– tiven bastante recoñecemento artístico e síntome afortunada.

O certo é que, en só catro anos, xa conseguiu este grande éxito. É cuestión de sorte ou de traballo?
É cuestión de traballo. Tanto na interpretación como na música ou en calquera arte, hai un proceso de formación e de exploración continuas. Pero, claro, tamén é importante ter a ocasión. Sucedeu con Longa noite, onde participei despois de que me visen actuar. Pero iso pode ocurrir ou non. Pode ser que traballes moito e non cheguen oportunidades. O importante é abrir camiños porque un lévate a outro.

Cal é o seu papel en O corno?
Pois eu fago o papel de Mabel, dona dun furancho e unha das mulleres que axuda á protagonista na súa fuxida para cruzar a fronteira cara a Portugal. Protéxea na súa casa e, á súa vez, facilítalle o paso ao país veciño. É unha das protagonistas principais da película xunto con outras, xa que todas elas forman unha cadea solidaria de mulleres que axudan á protagonista.

Como se fixo con ese personaxe?
Tanto eu como Jaione coñeciamos o traballo dunha e doutra. Ela sabía do meu e eu do dela. Jaione xa me tiña mostrado o seu interese en traballar comigo e, despois dun proceso de cásting, xurdiu a oportunidade de facelo.

Pensou algunha vez que chegaría a formar parte dun elenco dunha película que acabaría gañando a Cuncha de Ouro?
Pois non o imaxinaba pero síntome afortunada e orgullosa de estar aí, nunha película que é relevante para o cinema, en feminino, porque foi realizada, producida e interpretada por mulleres e iso é necesario visibilizalo e mostralo. Nesta película vese a maternidade, por exemplo, coa ollada feminina e particular de Jaione e das mulleres en xeral. A cinta aborda temas que nos interesan ás mulleres, pero tamén ao resto da sociedade, como  a maternidade e a axuda mutua.

Tamén é importante que unha película rodada en galego chegase a recibir a Cuncha de Ouro...
Si, este premio tamén é relevante para o cinema galego por ser recoñecidas a nosa lingua e a nosa cultura en Donostia. Isto sitúanos nun lugar de visibilidade e demostra que non hai inconvinte co galego e co resto das linguas oficiais en calquera ámbito. 

Que nos vai ofrecer aos espectadores O corno que non poidamos ter visto noutras películas?
Imos ver un ollar feminino sobre temas relevantes e interesantes para toda a sociedade. Esta é unha película feita por mulleres. Fala da maternidade e da solidariedade pero mostradas dun xeito novo. O ollar que ten a directora, Jaione, non se viu ata agora no cine. É unha ollada calmada, que observa desde o corpo das mulleres non sobre el, como estamos acostumados a ver. Nesta película visibilízanse as mulleres que, por fin, chegan a moitos espazos. Vénse a recoñecer o traballo das mulleres no cinema e iso é fundamental. Por fin, isto estase contando así. Emocionoume moito ver a película pero tamén a acollida que tivo polo público no festival de San Sebastián. E iso é o mellor porque o noso traballo é ese: tratar de conmover a xente. Ese é o verdadeiro sentido do noso traballo. Igual que poñer sobre a mesa cuestión sociais que, dalgún xeito, hai que colocalas neste tipo de traballos a través do cine.

Comentarios