Esther Corral, catedrática de Filoloxía Romana

"Nas cantigas tamén hai violencia machista"

A catedrática lucense Esther Corral vén de realizar un estudo pioneiro xunto a Yara Fratesch sobre as mulleres medievais na lírica galegoportuguesa
Esther Corral Díaz, nunha aula da facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. PEPE FERRÍN
photo_camera Esther Corral Díaz, nunha aula da facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. PEPE FERRÍN

A sociedade medieval en Galicia foi moito máis plural e permisiva que a imaxe que nos transmitiu a historia. Esa é a conclusión á que chegou a catedrática lucense de Filoloxía Románica Esther Corral Díaz, que fixo, coa profesora brasileira Yara Fratesch, un estudo pioneiro en Europa sobre as mulleres medievais na lírica galegoportuguesa que abrangue tamén a historia e a iconografía.

Esther Corral Díaz. PEPE FERRÍN
PEPE FERRÍN

Que nos contan as cantigas das mulleres medievais que non soubésemos ata agora?
Que, ademais do espazo relevante que teñen as mulleres nesta lírica, tamén hai outras que patrocinaron, desde as casas señoriais, este tipo de literatura.

Que figuras femininas aparecen nas cantigas?
Hai mulleres con poder como raíñas e nobres; relixiosas e tamén outras de clase baixa como peregrinas, soldadeiras, xudías e mouras. Estas últimas criticadas polo seu aspecto ou comportamento moitas veces.

Entre as nobres e raíñas, a que mulleres destacaría?
Aparece, por exemplo, Berenguela de Barcelona, unha nobre casada co rei de León que deixou a súa impronta provenzal nas cantigas; Beatriz de Suabia, nai de Afonso X, ou a raíña Dona Urraca.

Hai machismo?
Si. Nas Cantigas de Santa María, de Afonso X, a imaxe que se proxecta da muller só é a de nai. Na lírica profana, a muller é criticada polos homes polos seus comportamentos e as súas compañías. Hai tamén violencia contra as mulleres exercida a través do seu home ou da súa parella en relacións non matrimoniais. Tamén hai machismo cando se fala da homosexualidade feminina.

A catedrática Esther Corral Díaz. PEPE FERRÍN
PEPE FERRÍN

Que presenza ten a homosexualidade feminina nas cantigas?
É algo único. Non existen textos líricos en toda Europa onde se fale deste tema, salvo nas cantigas galegoportuguesas. Fálase de soldadeiras que buscaban relacións femininas e das que se facían cantigas de escarnio por seren vellas e non teren mulleres novas ao seu dispor.

Fálase das relacións de parella?
Si, nas cantigas aparecen unións de feito, concubinatos (de clérigos, sobre todo) e matrimonios. Vese que era unha sociedade plural onde había unha gran liberdade. Non foi unha Idade Media tan escura como nos dixeron.

Cantos textos tiveron que revisar para facer este estudo?
Rondamos os 100. Incluímos tamén dous apéndices: un, sobre a lírica das jarchas do Al-Andalus e a súa relación coas cantigas de amigo, e outro, sobre a pervivencia das cantigas en Portugal.

Neste traballo, estudaron tamén a iconografía das mulleres medievais no Cancioneiro da ajuda. Que imaxes atoparon?
Nas doce miniaturas do cancioneiro vimos imaxes de mulleres facendo unha escenografía (tocando un instrumento ou bailando). Algo tamén novidoso porque no resto de Europa as imaxes das mulleres eran estáticas e estaban sempre soas.

E sábese se chegou a haber mulleres autoras na lírica medieval galegoportuguesas?
Ese é un tema por investigar aínda. Coñecidas non hai. Os autores son homes e, por iso, os textos son algo misóxinos. Pénsase que Mendiño podía ser unha muller, pola súa sensibilidade, pero non está demostrado.

Comentarios