sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

Patricia de Lorenzo: "Un espectáculo que me defrauda faime chegar mal á casa"

Patricia de Lorenzo.XESÚS PONTE
Patricia de Lorenzo.XESÚS PONTE
Unha obra teatral no seu instituto espertouna para darse conta de que aquilo era o que quería. Agora, Patricia de Lorenzo é máis ca unha actriz, é parte da alma de Chévere. O sábado (20.30) e o domingo (18.00)  representan 'N.E.V.E.R.M.O.R.E' no auditorio Gustavo Freire de Lugo

Patricia de Lorenzo é moito máis ca unha actriz, é parte do núcleo dunha das compañías de teatro máis fructíferas do panorama galego, Chévere, coa que mañá e o domingo —ás 18.30 horas— estarán no auditorio Gustavo Freire de Lugo para presentar unha obra que afonda na maior catástrofe das costas de Galicia: o Prestige.

Chévere fai de altofalante. 

A estas alturas Chévere ten un discurso propio. Todas as obras teñen unha mensaxe clara, neste caso é que temos que reaccionar. Se como sociedade fomos capaces de facer o que fixemos coa catástrofe do Prestige, é algo que debemos ter moi presente para ver o que temos que facer a partir de agora coa emerxencia climática.

Que é para vostede a compañía?

O meu compromiso está con este proxecto, no que entrei xa hai bastantes anos. Hai que separar entre o traballo e a vida, pero eu traballo moito, ímolo deixar aí. (Risas). Son moitos días do ano e moitas horas do día as que estamos aí, somos un equipo —Xesús Ron, Miguel de Lira, eu...— cun gran compromiso, pero polo menos, temos a recompensa de que traballamos no que nos gusta. Hai momentos que o recompensan case todo.

O aplauso forma parte desa recompensa?

Por suposto, e tamén os 3.000 espectadores que houbo en Santiago ou todos aqueles que pasaron por Madrid. Xa non é só ver ao público, é ver a 1.000 persoas en pé e, logo, todas as felicitacións que hai. Que te coñezan pola rúa porque fas teatro é algo moi importante. Dá conta de que hai moito máis público, moitas miradas que non son só á famosa ou famoso que sae en televisión.  
 

Con Chévere hai que ir esperando algo máis que o puro entretemento, require poñer algo máis da túa parte, non só observar. Non podemos defraudarnos nin a nós mesmos nin ao público  

Ese público agradece que alguén fale as cousas claras.

Con Chévere hai que ir esperando algo máis que o puro entretemento e, ás veces, estar como espectador de Chévere require poñer algo máis da túa parte, non só observar. Nós cremos que xa temos un público que aprecia isto e que o esixe e para nós cada vez é máis difícil facer teatro, porque non podemos defraudarnos nin a nós mesmos nin ao público. 

Ten claros cales son os ingredientes dun bo espectáculo? 

Como espectadora, eu quero que me interese, que capte a miña atención. O que é puro artificio e non me di nada, é un espectáculo que me defrauda, que me fai chegar mal á casa. E logo está o esforzo de ir a un teatro, que hai que telo moi presente 

Vostede irá moito ao teatro...

Moito menos do que me gustaría. 

E cando sentiu a chamada da interpretación? 

En 2º de BUP. Eu recordo que facía atletismo, fun ver unha obra de teatro ao instituto e dixen: "Eu quero facer isto".  

Tivo as ideas moi claras. 

Igual foi porque o atletismo non se me daba moi ben. (Risas).

Xa case nin me acordo de dobrar a Shin Chan. Sei que facía varios personaxes, como de nai do neno do moco, pero o papel que me pasou á historia foi o de Betty Mármol, a dos Picapedra

Tamén dobrou en Shin Chan.

Xa case nin me acordo. Sei que facía varios personaxes, como de nai do neno do moco, pero o papel que me pasou á histora foi o de Betty Mármol, a dos Picapedra.

Entón xa estaba en Chévere, recorda a súa entrada na compañía? 

Eu facía teatro con algunhas compañías e, con Susana Dans, montamos unha coa que fomos actuar á sala Nasa. Era das primeiras veces que ía e a partir de aí convidáronme a participar nalgunha Ultranoite —as noites de variedades que se facían na sala—, comecei a coñecer a xente e ao pouco xa me ofreceron participar en ‘Annus horribilis’, no ano 1994. 

E desde entón aí segue. 

Levamos moitos anos traballando xuntos, consideramos que é a nosa forxa. Tamén temos que explicarnos moitas menos cousas. 

E se non fora actriz, que sería? 

Para min ser actriz, é o 10 ou o  20%, o resto do traballo está na parte de xestión da compañía.
Hai moito labor que non se ve. Nós somos unha empresa a todos os niveis, son horas e horas. 

Pero iso dá máis liberdade? 

Somos xeradores de traballo, inventamos o noso traballo. Non estás á espera de que te chamen para un traballo que non che gusta.

O seu último espectáculo fai de caixa negra. 

Ese paralelismo entre a caixa negra dun teatro e a do Prestige, que nunca chegou a aparecer, é unha maneira de recuperar como foron pasando as cousas. Hai moito material sonoro, como as gravacións da torre de control de Fisterra, moita documentación, datos, prensa... Pero escenicamente non atopamos moitísima cousa. E este é o noso terreo.

Defina N.E.V.E.R.M.O.R.E. 

É un espectáculo que rememora esa catástrofe desde o presente,  facendo unha reflexión sobre o momento de emerxencia climática que estamos vivindo. É un exercicio de memoria e de recollida de testemuñas de persoas que viviron aquela catástrofe. Precisamente nestas datas, está a punto de cumprirse 19 anos. 

Tiñamos claro que era un dos proxectos que íamos facer este ano e que a Chévere lle correspondía por implicacións persoais en todo aquel movemento social.  

Con esas implicacións, como foi rememorar aqueles feitos? 

Sempre facemos exercicios escénicos que traballan con memoria colectiva. Neste caso, as persoas do elenco tamén puxemos os nosos propios recordos, ademais de entrar en contacto coa asociación Contra a Burla Negra, que está facendo un traballo de recollida de toda aquela información. Aí puidemos acceder a unha serie de testemuñas captadas por María Bella que viviron aquela situación. 

Por iso se lanzaron? 

Si, este par de anos estamos de-senvolvendo un proxecto que relaciona o teatro coa emerxencia climática. Este proxecto acaía ben porque aí están os 20 anos, un momento para recordar aqueles feitos, e porque dentro do noso grupo houbo xente moi implicada na plataforma Nunca Máis. Tamén polo tipo de teatro que facemos, que ten a categoría de teatro documental.   

Patricia de Lorenzo: "Un espectáculo que me defrauda faime chegar...
Comentarios