Enxeñeiros da alma

Sobemos outro chisco a Orwell, a historia e os vencedores: a Maksim Gorki, cando estaba á morte, a historia escribíanlla redactores de GlavLit

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

SOBEMOS outro chisco a Orwell, a historia e os vencedores: a Maksim Gorki, cando estaba á morte, a historia escribíanlla redactores de GlavLit (1) nun fake do Pravda. Cóntao Frank Westerman en Enxeñeiros da alma, metáfora lene na retórica dun Stalin que reconstruía Rusia a base de formigón, paredóns e gulags vermello sangue.

Espírito guieiro dos bolxeviques, Gorki bandeou ata converterse no gran patriarca do realismo socialista. O mesmo recúa nos meses finais da Revolución, cando o fusilamento do zar Nicolás II, que se declara un pésimo marxista —"Debería fundar o meu propio partido. Tería un único militante: eu"—, que gaña a inimizade de Lenin —"unha guillotina pensante"—, antes de que centos de milleiros de moscovitas lle perdoen o seu exilio de sete anos en Sorrento e, á súa chegada á capital soviética, o leven polas rúas nos ombreiros.

E como indiscutible escritor do proletariado triunfante retrata Westerman a un Gorki moi enfermo, sen alento sequera para falar, pero que teima en seguir lendo o xornal. Para evitarlle desgustos nos seus últimos días, encárganlle á GlavLit uns poucos e moi especiais exemplares de Pravda, só para uso do escritor, nos que se elimina calquera noticia que o poida alterar.

Se nos manuscritos hai algunha información que xa non poida aturar o esmorecido corazón de Gorki, lembra Westeman, un redactor designado pola GlavLit busca material alternativo. De seguido chama a un dos caixistas para que compoña a páxina especial e se dispoña dun exemplar presentable e debidamente encartado para Gorki. "Un deses exemplares adaptados chegou aos nosos días: aí onde a portada da edición nacional recolle un artigo sobre a morte inminente de Gorki, o Pravda personalizado do escritor presenta un texto da mesma extensión no que se augura unha colleita abondosa. Así morre Alexei Peshkov o Amargo o 18 de xuño de 1936, cunha mentira disfrazada de Verdade na man".

(1) A colosal dimensión do totalitarismo soviético, como apunta Westerman, non se comprende sen a GlavLit, a Dirección Xeral de Literatura, cuxas poutas rabuñaban decote permisos de condución, diplomas de natación, deseño de motivos para panos ou instrucións de uso de muíños de café: a historia reescrita en carnés, mocos e po para infusións.

Comentarios