Opinión

Entre Lugo e Pontevedra

A FIGURA á que este ano se lle dedica o Dia das Letras Galegas posúe algúns trazos persoais na súa formación e, sobre todo, na súa incorporación ao cultivo da lingua e da cultura galega que merecen ser tidos en conta para entender a relevancia que tivo a súa escolla para esta efeméride cultural. Ela era estremeña de nación, formada como romanista na Universidade de Madrid, sen máis coñecemento de Galicia que a que lle poidesen ter dado ilustres profesores como Rafael Lapesa ou Dámaso Alonso. Mas en canto chegou a Galicia, foise incorporando á cultura galega con grande entusiasmo e moi notábeis resultados.

Como foi posible que esta desconcertante foránea, tomando emprestada a expresión de X. Alonso Montero, se convertese en autora en galego e, ademáis, en profesora moi activa da lingua galega en tempos case heroicos é asunto que ben merece unha reflexión. Primeiro, sobre o contexto no que esta 'conversión' tivo lugar e, en segundo lugar, no que significa que tal cousa acontecese. Desde logo, foi nas cidades de Lugo e Pontevedra onde se socializou como profesora e como cidadá conscente da realidade cultural de Galicia. En Lugo atopou profesores que foron grandes confidentes, como o casal Alonso, Pimentel, e fornadas de estudantes, como Rábade Paredes, que a sensibilizaron coa lingua galega e a súa literatura. Logo, na cidade de Pontevedra, na que estivo máis tempo asentada, atopou un entorno social e profesional, sobre todo no campo do ensino, que deu cima ao traballo comezado en Lugo. Nunca mellor se cumpriu o vello refrán de que «non con quen naces, senón con quen paces».

Alén deste contexto persoal favorable, cómpre ter en conta a capacidade inclusiva que ten a cultura galega para acoller a persoas nin nacidas nin formadas na mesma. Esta «conversión» dunha «foránea» ten un valor cualitativo extraordinario tamén desde a perspectiva do lugar de chegada. Costuma pensarse, e mesmo gabarse, o feito de que persoas formadas en linguas e culturas consideradas minoritarias adopten como propias outras linguas de máis prestixio e presenza no concerto das letras, no que parece ser o camiño máis común e mesmo recoñecido como un mérito. Pero o caso de Maria Victoria Moreno foi un exemplo, modesto pero simbolicamente alentador, de que é posible ir en dirección contraria.

Ela era unha persoa non só alóctona senón tamén alófona, no sentido de non ser galega de nación e de non ter o galego como lingua materna. Pero resulta que, por obra do ambiente no que viviu, das persoas coas que se socializou e da propia decisión persoal, aquela profesora experimentou unha transformación cultural radical, ata o punto de que ela mesma se viu como unha «conversa» despois da «revelación» que tivo en Galicia, especialmente durante a súa estadía na cidade de Lugo.

Creo que nesta decisión está implícita a capacidade de acollida que ten a cultura galega. En tempos nos que conviven tensións cosmopolitas con apostas por construír muros, que unha persoa foránea adopte como propia unha nova cultura e unha nova lingua, cualificada como minoritaria, debe ser considerado como un triunfo colectivo en tempos nos que están á orde do dia visións pesimistas sobre o porvir da cultura galega. Pois resulta que desde unha raíz popular e con escaso amparo institucional durante séculos, a cultura galega tivo o atractivo suficiente como para ser un espazo de chegada para xentes de fóra que desexasen incorporarse á mesma, como foi o caso de algúns ilustres escritores e académicos, desde Martínez Salazar ou Marcelo Macías ata fi guras de hoxe como Marilar Aleixandre.

Nese ronsel está por decisión propia e por recoñecemento institucional Maria Victoria Moreno, quen deixou de ser esa «desconcertante foránea» para se converter en figura central da festa maior da cultura que é o Dia das Letras Galegas. Mérito dela e da cultura que foi quen de a seducir, pero tamén das cidades nas que morou e das amizades que cultivou. Se ela tivese que escribir un imaxinario libro de viaxes, ao modo do Josep Pla da ‘Direcció Lisboa’, tamén podería decir que collera a «dirección Galicia», de Madrid a Pontevedra, da cidade do Lérez a Lugo e, de novo, cara a beiramar da ría da Moureira... para nunca máis retornar ao seu berce natal.

Comentarios