Enciso: «'Longa noite' trata de como os sometidos ao poder se adaptan a el»

O cineasta de Meira filma unha película sobre os fuxidos en escenarios de Lugo ►Interesouse pola posguerra ao remontarse no tempo para «para entender o que acontece» ►A rodaxe continuará durante cinco semanas en lugares de Terra Chá, Portomarín e Samos

Eloy Enciso
photo_camera Eloy Enciso

LUGO. Eloy Enciso (Meira, 1975) é graduado en Ciencias Ambientais, unha disciplina que aprende a organizar espazos naturais. Non se dedica a iso, senón a planificar e desenvolver películas. Agora está coa terceira longametraxe, "Longa noite", na que está traballando nestes días en Lugo.

Estivo onte pola noite onda o seu equipo na estación de autobuses de Lugo traballando entre o principio e a fin da noite pasada na primeira das cinco semanas que van filmar.

Todos os personaxes de "Longa noite" fan unha longa viaxe á fin da noite. O protagonista é Anxo, que forma parte dun grupo de fuxidos que andan no monte durante a posguerra. Todos tratan de poñerse a salvo, pero optan por diferentes camiños. Uns collen o do exilio, mentres Anxo «intenta volver á súa vila; nun lugar indeterminado da Terra Chá», conta o realizador. Durante a escapada comeza a atopar persoas que queren lerlle cartas. As misivas tamén son importantes na segunda parte do filme, que ten por inspiracións textos literarios de Celso Emilio Ferreiro -presente no título, collido do seu poemario "Longa noite de pedra"-, o escritor galego no exilio Ramón Valenzuela e o escritor republicano Max Aub.

Para deseñar a película, Enciso utiliza as mesmas liñas mestras que na súa recoñecida "Arraianos"(2012): «O uso de actores non profesionais, a musicalidade do idioma galego, a paisaxe e fragmentos literarios», explica o realizador nun galego correcto modulado por tons valenciáns -«crieime en Gandía»- e notas suaves resilientes do seu paso pola escola de cinema de San Antonio de los Baños, en Cuba.

«Como en 'Arraianos' uso actores non profesionais, galego, paisaxe e literatura»

«A palabra adquire protagonismo como arma de poder das leis e a burocracia, pero tamén como arma da xente para a memoria e a xustiza»

A viaxe que trazou o director para chegar a "Longa noite" empeza «non como cineasta, senón como cidadán». «Teño preocupaciós políticas e sociais, polo que intento coñecer as causas do que está pasando agora», apunta. Empezou a remontar «na historia política de Galicia ata parar na posguerra, porque o que acontece agora é unha herdanza do Estado e da sociedade que se formaron daquela». A premisa foi «evitar a guerra, porque xa se falou moito da guerra e non me interesaba falar de vencedores e vencidos, nin de vítimas e vitimarios.

Si lle interesaron as consecuencias dese conflito bélico porque «unha vez despexada a situación por esa guerra establécense uns mecanismos de poder». "Longa noite" analiza como afectan a «persoas da rúa, como un pequeno comerciante, unha muller que espera o fillo, un aspirante a escritor ou un candidato a un posto nunha vila».

«A película trata de como se construíu a sociedade desa época a través das formas de pensar e actuar das persoas, de como os que sofren o poder se adaptan a el; como di o título dunha novela de Valenzuela: "Era tempo de apandar", de que cada un buscase o seu camiño», sinala o realizador meirego, que establece unha metáfora nas diversas vías que adopta o grupo de maquis.

Nesa procura de solucións individuais «a palabra adquire protagonismo como arma de poder das leis e da burocracia a través da linguaxe de poder que impón a orde na sociedade, pero tamén a palabra usaba pola xente como arma para a memoria e a xustiza», que Eloy Enciso vehicula a través das cartas que lle escriben e que escribe o protagonista.

RODAXE. A rodaxe desenvolverase tamén en Portomarín, Baamonde, Vilalba, a contorna de Belesar e Samos; antes de pasar a lugares de Pontevedra como a propia cidade, a illa de Ons ou Camposancos. «Pode que tamén rodemos na Coruña», apunta Enciso.

O director pon de relevancia «a paisaxe como contedora de memoria». A súa vocación de ambientalista fai eco dende a súa mocidade como estudante.

Comentarios