Manuel Cortés: "Empecei no teatro por un recital de poesía"

Fala pouco de fútbol, gústalle sen vehemencia. Fará de seareiro, psicólogo e presidente na obra 'Recortes, caneos e outras formas de driblar', en Lugo
Manuel Cortés. AIGI BOGA
photo_camera Manuel Cortés. AIGI BOGA

O actor de Vilardevós (1966) empezou no teatro sen reflexionalo, coma unha emoción futboleira. violenta e irrevocable. Representa Recortes do Centro Dramático Galego este sábado no auditorio Gustavo Freire de Lugo.

Ocúpase vostede de varios personaxes de diferentes tons: un seareiro, un psicólogo deportivo infantil e un presidente de club.
A obra baséase en textos de Nacho Carretero e foi escrita por José Prieto. A primeira parte é unha introdución; na segunda hai testemuñas reais, e na terceira retómase a primeira parte. Non hai diferenza entre o seareiro e o psicólogo. O discurso do psicólogo parece inventado, pero é literal. Os discursos de exprimir a competitividade, as arengas a profesionais, danse tamén no fútbol infantil. En canto ao presidente, é o arquetipo de presidente poderoso, así que é paródico.

Traballa habitualmente con Chévere. Xa traballara co CDG e volve facelo.
Ofrecéronme este papel, así que renunciei ao final da xira de N.E.V.E.R.M.O.R.E. Buscouse un substituto. Eu xa coñecía a Xosé Antonio Touriñán. Traballabamos ben diante e detrás do papel. Tamén me gustou o elenco.

Vostede foi substituído. Empezou no teatro facendo unha substitución en Chévere.
Foi no verán de 1992, con Big bang. Era un musical cósmico. Daquela empezaba a Sala Nasa. Tamén fixen Río Bravo.

Non foron buscalo a unha escola de arte dramática nin o descubriron nun grupo afeccionado. Estaba dando un recital poético nun pub de Santiago.
Eu xa coñecía a Xesús Ron, de Chévere, e nese recital estaba tamén Miguel de Lira. Ao acabar preguntáronme se quería dedicarme ao teatro. Ofrecéronme un papel pequeno nunha obra. Estaba estudando Filoloxía Hispánica, daba recitais de poesía, traballaba na editorial de poesía, recibía axudas á creación literaria e facía traducións.

Comprendo a emoción desa noite, pero non reflexionou ao día seguinte?
Non o pensei. Facía recitais co colectivo Ronseltz. Eran moi teatrais, eran improvisación. A maior enxundia estaba no que se dicía entre poema e poema. Era un discurso baseado no happening. Eramos un grupo de rapaces estudando na Coruña que queriamos rachar cos recitais de poesía que había por todas partes. Os nosos recitais eran de estar moi en contacto co público. Houbo algúns en insitutos. Anunciábanse como recitais de poesía. Nun instituto. Ao empezar tiñas 50 haters na primeira fila e 250 na última. Era unha guerra. Acabei sendo o terceiro en Chévere, tras Miguel de Lira e Xesús Ron. Dixeron que era un papel pequeno. Actuei en Arzúa con diez días de ensaio con Río Bravo. Eu pensei que o fixera fatal,pero, ao final, todos se abrazaron a min para felicitarme.

Non era unha obra fácil.
Desde fóra parecía fácil, pero era complexa. Ensaiábase por escenas. Eu sabía as escenas, pero era todo inconexo. O cambio de vestiario de cada escena faciámolo no escenario. Mentres me quitaba a camisa para poñerme outra roupa preguntáballe a Narf, o músico, qué escena era a seguinte. Dei feita a obra grazas a el.

Outros membros de Ronseltz (Xabier Cordal, Serxio María,...) acabaron dando clase en institutos.
Puiden ser profesor, pero non me gusta a parte administrativa.

O seu único poemario é de hai dúas décadas.
Son un poeta en excedencia polas obrigas familiares. Voulle dar unha exclusiva.

Agradézolla.
Teño na cabeza un espectáculo de poesía en solitario. Tería humor. Recuperaría Ronseltz. Os textos fun escribíndoos estes anos.

Durante a pandemia?
Durante a pandemia adelgacei doce quilos. Se che din que non vas saír nun tempo fas unha terapia de choque. Tamén lin moito, tiña moito atrasado.

Fora un bo deportista.
Estiven sete anos interno nos Salesianos de Ourense. Facía unha intensa actividade deportiva co convencemento de dedicarme ao triple salto e a salto de lonxitude. Non se me daban mal.

Segue escribindo teatro.
Sigo. Pedín a excedencia na poesía por escribir teatro. Non tiña pausa.

Prepara O código K, sobre o roubo do Códice Calixtino.
É a historia dese roubo contaba por mulleres. En escena hai catro actrices e unha discjockey. A obra é unha comedia porque a cousa é unha astracanada. Puido ser o gran roubo de arte da historia, coma os roubos da Gioconda, os picasso ou os van gogh, pero foi unha trapallada. O Códice botou un ano nun saco de penso nunha corte. Soamente podía escribir unha comedia. Había mulleres das que non se falou: a muller do electricista, unha inspectora de Patrimonio Histórico,... que pasou con elas? A DJ, Rossinha, actúa como demiúrgo. É un luxo ter música en directo. É un recurso dos menos explorados e substancioso.

A música ten importancia en Recortes, caneos e outras formas de driblar.
Non é un musical, pero os temas son parte da dramaturxia. Achegan información.

Gústalle o fútbol?
Son futboleiro, gústame. Non son de falar de fútbol, de se foi penalti ou non. Gozo do fútbol. Son do Barça dende pequeno.

O seu barcelonismo é innato ou ambiental?
O meu primeiro recordo foi a chegada de Cruyff ao Barça. Nacín en Vilardevós e con 6 anos marchei vivir a Tamallancos, onde me criei. Alí conseguiamos formar un equipo do Barça e outro do Real Madrid entre os rapaces, pero os maiores eran todos do Madrid. Ourense é madridista.

Comentarios