Emotivo adeus a Saleta, a luz de Manuel María

A casa museo de Manuel María quedou pequena para despedir a Saleta Goy, viúva do autor e "pilar fundamental" na súa vida tal e como destacaron os incontables amigos que se achegaron a Outeiro de Rei para acompañala na súa última viaxe, que culminou no cemiterio de San Xoán, onde xa repousa co seu compañeiro de vida.
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Enterro de Saleta Goy no cemiterio de San Xoán, en Outeiro de Rei. XESÚS PONTE

SALETA GOY non sería a mesma sen Manuel María e Manuel María non sería o mesmo sen Saleta Goy. As súas almas estaban predestinadas a atoparse para complementarse, medrar xuntas e conformar así unha simbiose perfecta que só se vería interrompida pola, sempre, inoportuna morte. Agora, esas almas que gozaban da mesma paixón —a súa terra—, e loitaban polos mesmos ideais —fomentar o uso da lingua galega— repousan xuntas en Outeiro de Rei, onde este luns se celebrou unha emotiva despedida á viúva do autor, finada o sábado aos 90 anos de idade na Coruña.

Amigos, coñecidos, veciños, políticos e xente chegada de toda Galicia quixeron arroupar a Saleta na súa derradeira viaxe. O auditorio da casa museo de Manuel María quedou pequeno para acoller a todos os asistentes e, sobre todo, as verbas agarimosas que tantos coñecidos lle dedicaron a unha muller "forte", "perspicaz", "intelixente" e, sobre todo, "segura" dos seus ideais. Envolto cunha bandeira de Galicia cunha estrela vermella, o féretro cos restos mortais presidiu un acto cheo de emoción onde todos eran conscientes de que se ía unha muller "irrepetible", cuxa perda será "insubstituíbel".

"Foi unha sorte que as vidas de Manuel e Saleta se xuntasen. El atopou en Saleta á persoa que o comprendía e o arroupaba, e ela creou o ambiente necesario en todos os aspectos para que a obra do autor fose tan fecunda e prolongada no tempo. Foi unha sorte coñecelos para quenes puidemos compartir os seus proxectos en común, pois deixáronnos un rico legado cultural e literario, dos máis importantes que temos en Galiza", recalcou emocionado Alberte Ansede, secretario da fundación Manuel María de Estudos Galegos.

Enterro de Saleta Goy no cemiterio de San Xoán, en Outeiro de Rei. XESÚS PONTE
Acto de homenaxe a Saleta Goy na casa museo Manuel María, en Outeiro de Rei. XESÚS PONTE

E é que Saleta foi a valedora da memoria de seu home tralo seu pasamento, tal e como recordou o seu amigo Nemesio Barxia: "Manuel María non morreu aos 75 anos, Manuel seguiu vivindo en Saleta durante todo este tempo porque ela era a rocha de Manuel, era onde el atopaba toda a súa fortaleza". "O autor pensaba no argumento e creaba a súa obra, máis Saleta dáballe tranquilidade de vida, económica, de convivencia, social e política. Ela foi todo para el, e remata agora unha importante misión: coidar do poeta de vivo, pero tamén de morto", engadiu Barxia.

Os amigos da finada coincidiron en recordar a personalidade "única" de Saleta, marcada por unha gran fortaleza forxada tras vivir unha dura infancia. "Orfa de nai desde moi nova, Saleta medrou a carón de seu pai que por ser republicano foi vítima da represión fascista. Era un home de principios éticos rigurosos que educou a súa filla con moitos exemplos de vida", recordaron os seu amigos na despedida.

Pero se algo se repetiu no acto celebrado na Casa de Hortas era o amor que Manuel e Saleta se profesaban e do que o autor deixou constancia nos fermosos versos que lle dedicou a súa amada: Gracias a ti, Saleta, compañeira,/ non ando no mundo desnortado (Sonetos á Casa de Hortas). Ou Téñote a ti/ e ti me abondas/ teño a túa compañía doce amiga/ sinxela flor que envellece preto de min/ e dasme o teu recendo/ a túa beleza/ o teu amor de a cotío/ non teño que pedirche miña dona/ este sinxelo amor que Deus nos deu/ (Verbas a Saleta).

Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
Amigos, veciños e políticos despediron a Saleta en Outeiro de Rei. XESÚS PONTE

Saleta era "a luz" que guiaba a Manuel. Ela era "o faro" do seu día a día. Xuntos forxaron unha vida en común, e case na mesma época partiron deste mundo, pois o autor finou un 8 de setembro de 2004 e a súa viúva un 11 de setembro de 2022. "O tempo de outono que os uniu ábrenos a porta agora para a despedida de Saleta", recordou a académica e escritora Margarita Ledo. "Hai só 4 días, aquí mesmo, recordabamos a Manuel. Mal sabiamos que tan logo habiamos de voltar para despedir a Saleta nunha homenaxe a unha vida plena dedicada a Galiza", engadía Pilar García Negro.

A voz de Uxía poñendo música ao poema Rosa namorada que Manuel lle dedicou a Saleta puxo fin a un acto na Casa de Hortas que deu paso á condución dos restos mortais ao cemiterio. As gaitas da agrupación Os Miñotos ao son da Marcha do Antigo Reino de Galicia guiaron ao féretro ao camposanto arroupado por ducias de amigos onde agora Saleta Goy e Manuel María repousarán xuntos para a eternidade.

Comentarios